Os efectos do cambio climático: que zonas da Galiza quedarían baixo o mar?

Proxección da suba do nivel do mar na ría de Arousa.
As praias da Coruña, o barrio vigués de Bouzas, a praia da Lanzada ou o Parque Natural de Corrubedo. Son só algúns exemplos das zonas que quedarían afectadas pola suba do nivel do mar, de seguir o ritmo actual de quecemento climático.

O quecemento global consiste nun aumento do efecto invernadoiro, isto é, un proceso ocorrido cando certos gases da atmosfera da Terra reteñen o calor. Estes gases deixan pasar a luz, porén reteñen a calor, como se dun invernadoiro se tratara. Cómpre destacar, que o discurso negacionista deste fenómeno afirma que o quecemento global existiu dende sempre debido a procesos naturais do noso planeta. Mais a comunidade científica xamais dixo o contrario, é certo que existen procesos naturais que contribúen a quentar a nosa atmosfera, o que porén levan décadas afirmando, e demostrando con datos científicos, é que a actividade humana aumentou este fenómeno a pasos axigantados.

A situación actual é alarmante xa que se estima que nos próximos quince anos superemos o aumento medio da temperatura de 1.5ºC con respecto ao nivel preindustrial. Un límite marcado nos Acordos de París no ano 2016, onde se os estados participantes comprometéronse a manter o quecemento global moi por debaixo dos 2ºC, preferiblemente nos 1.5ºC.

Este alarmante fenómeno, do que levamos sendo vítimas e causantes dende a Revolución Industrial, asóciase xeralmente co aumento das ondas de calor e consecuencias que estas supoñen. Mais as súas consecuencias non se limitan exclusivamente a este fenómenos.

O aumento do nivel do mar

O aumento da temperatura no planeta, compromete a integridade de elementos da natureza co que os galegos e as galegas estamos tan unidos, os mares e océanos. Os océanos son grandes receptores das temperaturas do planeta, estímase que os nosos océanos absorben máis do 90% do calor destes gases do efecto invernadoiro. A consecuencia directa disto é un aumento no nivel do mar que pon en perigo as nosas costas. Este aumento do nivel do mar está ligado a dous factores, que a súa vez están ligados co cambio climático global persistente.

1. A dilatación térmica. Cando a auga quentase expándese, isto provoca que ocupe máis espazo.

2. A diminución dos glaciares e os casquetes polares. Este factor é moito máis intuitivo co anterior. Cando expoñemos un bloque de xeo a elevadas temperaturas, a auga transfórmase pasando de estado sólido a estado líquido. Pois este proceso é o que ocorre nos glaciares e casquetes polares. O aumento da temperatura do planeta, acelera o seu desxeo que fai que a auga acumulada nestes únase aos mares e océanos.

Este suceso, non só ten consecuencias para a biodiversidade dos océanos, se non que pon en perigo os núcleos de poboación máis próximos a costa.

Que esperamos no futuro?

Non se sabe con exactitude canto pode subir o nivel do mar no futuro, todo son estimacións por parte dos expertos e expertas na materia. Estas estimacións fanse cos datos actuais partindo da premisa de que o quecemento global mantéñase no mesmo punto, mais o problema é que o quecemento aumenta progresivamente co paso dos anos, non se mantén ao mesmo nivel.

A investigadora da Universitat de les Illes Balears, Marta Isabel Marcos Moreno, sinala respecto ao nivel do mar que “dende finais do século XIX até agora producíronse incrementos de entre 15 e 20 centímetros, a maior parte nos últimos 30 anos”. Neste escenario de empeoramento do escenario nos últimos anos, un estudo revelado polo físico Manuel Vargas expón que o aumento do nivel do mar na Península aumentou a un ritmo de 1,6 milímetros por ano dende o ano 1948 até o 2019, mentres que dende este ano até a actualidade o nivel do mar aumentou anualmente en 2,8 milímetros. Ambas liñas de investigación reflicten que a situación, lonxe de mellorar, ou manternos na liña actual, tende a empeorar progresivamente co paso dos anos.

Marta Marcos sinala, cando se lle pregunta canto podería subir o nivel do mar a nivel global, que “nun escenario intermedio, cun aumento das emisións, a suba estaría entre os 80 centímetros e 1 metro, aproximadamente, para finais deste século, cunha incerteza de máis ou menos vinte centímetros”.

Se ben, un aumento dun metro no nivel do mar pode parecer insignificante, en palabras de Marta Marcos é “unha barbaridade” xa que sinala o feito de que “levamos 10.000 anos coas costas practicamente estáticas, todo o Holoceno, o que permitiu o desenvolvemento da civilización humana colonizando as costas”.

Como afecta a suba do nivel do mar á costa galega?

Cos datos que aporta Climate Central no relativo á suba do nivel do mar, hai unha cartografía que axuda a visualizar como afectaría ás nosas costas este fenómeno. Así se pode observar como afectaría ás cidades costeiras da Galiza un aumento dun metro do nivel do mar, que estímase ocorrería a finais do presente século.

Aumento do nivel do mar na Coruña.

Para o caso da cidade da Coruña, as zonas azuis representan as conquistas do mar ao continente. Neste caso, a finais de século, unha gran parte do porto da cidade, así como o paseo marítimo quedaría baixo dominio do mar, con todas as implicacións urbanísticas que iso implicaría.

Aumento do nivel do mar na ría de Arousa.

Na ría de Arousa, aquí vese como este aumento do nivel do mar, deixaría a Barbanza sen o Parque Natural das Dunas de Corrubedo. Do mesmo xeito, deixaría grandes estragos na localidade de Vilagarcía de Arousa. Na península do Grove tamén se verían graves consecuencias, e unha vítima especial desta rexión sería a praia da Lanzada.

Aumento do nivel do mar en Vigo.

A cidade de Vigo tampouco se libraría desta crecida do nivel do mar, e como se ve na imaxe sería unha das maiores perxudicadas, deixando especialmente dañado o barrio de Bouzas. Non sería o único mal parado, xa que practicamente na súa maioría veríase afectada toda a primeira liña de litoral, o que incluiría o centro comercial A Laxe, o club naútico e o porto da cidade.

Aumento do nivel do mar en Ferrol.

Para o caso de Ferrol, exporíanse ao perigo tanto o porto, coma o seu célebre estaleiro e a praia de Caranza, por non falar que Couto quedaría totalmente conquistado polo mar. Precisamente a fachada occidental do pais, que corresponde maioritariamente co litoral, é o espazo que maior densidade de poboación contén.

Como amosa o mapa de densidade da poboación, son precisamente as comarcas cunha maior densidade de poboación as que teñen un maior risco ante a subida do nivel do mar. Isto fai, que a problemática do aumento do nivel do mar sexa especialmente perigoso para os galegos e as galegas.