Que supón o estado de alarma decretado polo coronavirus?

Cámara Baixa do Estado (Congreso).
O presidente do Goberno do Estado, Pedro Sánchez, anunciou que se declara o estado de alarma a partir deste sábado.

O estado de alarma será declarado polo Goberno estatal este sábado mediante un decreto acordado polo Consello de Ministras por un prazo máximo de 15 días, dando conta ao Congreso das Deputadas. No caso de precisar unha prórroga, o deberá haber unha votación na Cámara baixa en Madrid. Así o recolle o artigo 116 da Constitución do Estado.

Neste caso, o estado de alarma é decretado por mor da "crise sanitaria", un suposto dos que se recollen na Constitución, cando se propagan epidemias, pandemias ou situacións de contaminación.

As condicións que se dan nun estado de alarma están reguladas pola Lei Orgánica 4/1981. Unha situación só prevista en "circunstancias extraordinarias" nas que resulte "imposíbel o mantemento da normalidade", como sucede agora coa enfermidade provocada polo coronavirus, a COVID-19. 

Cando este sábado entre en vigor o estado de alarma en todo o Estado os dereitos fundamentais da cidadanía non van sofrer ningunha alteración, pois só implica algunhas limitacións temporais en aspectos como a circulación de vehículos e persoas, o requiso de bens temporalmente, a posibilidade de intervir en industrias ou fábricas, ou o estabelecemento de límites ao emprego de servizos ou consumo de artigos de primeira necesidade.

En crises sanitarias a lei especifica que o Executivo estatal poderá adoptar todas as normas estabelecidas para a loita contra enfermidades infecciosas, como está a suceder con este virus. De aí as peticións de "illamento social" por parte das Administracións para toda a cidadanía.

No artigo 116.6 da Constitución do Estado se estabelece que non se modificará o "principio de responsabilidade" do Goberno estatal e dos seus axentes coa declaración do estado de alarma.

Polo tanto, o estado de alarma pode implicar estes escenarios:

-Limitación da circulación ou permanencia de persoas ou vehículos a horas e lugares determinados.

-Poderanse requisar temporalmente todo tipo de bens e impoñer prestacións persoais obrigatorias.

-Poderase intervir e ocupar temporalmente industrias, talleres, explotacións ou calquera outro local dando conta aos Ministerios interesados.

-Pódese limitar ou racionar o uso de servizos ou o consumo de bens de primeira necesidade.

-Pódense impartir ordes necesarias para asegurar o abastecemento dos mercados e o funcionamento dos servizos e dos centros de produción afectados.

E pode haber sancións por incumprimento dunha norma? Si. Incumprir ou resistirse ás ordes aplicadas polo estado de alarma supón unha sanción como está recollido nas leis vixentes.

Se fose unha funcionaria a persoas que incumprise unha norma, podería ser suspendida de inmediato do exercicio dos seus cargos. Asemade, como consecuencia da aplicación dos actos e disposicións adoptadas durante a vixencia do estado de alarma, a lei recolle que quen sofra na súa persoa, dereitos ou bens prexuízos por actos que non lles sexan imputábeis, terá dereito a ser indemnizada de acordo co disposto nas leis.

Esta é a segunda vez que se declara o estado de alarma no Estado, a primeira foi no ano 2010, co Goberno do socialista José Luis Rodríguez Zapatero, debido á crise provocada pola folga de controladores aéreos.