Por que a ría de Ferrol xa non produce marisco? A USC ten as claves

Aparellos de extracción de ameixa na ría de Ferrol. (Foto: Europa Press)

Un informe elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela alerta dos factores que lastran a producción marisqueira da ría de Ferrol.

Un estudo elaborado polo profesor Xosé Lois Otero Pérez, pertencente ao Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da Escola Politécnica Superior de Enxeñería da Universidade de Santiago de Compostela (USC) alerta que a materia orgánica e o incremento de sedimentos, especialmente os de gravimetría fina, lastran a produción marisqueira na ría de Ferrol.

"A presenza de alta concentración de materia orgánica e nun contexto de materiais moi finos, como limos e arxilas, conduce a que o metabolismo dos sedimentos cambie e limite o desenvolvemento de moitas especies, sobre todo dos bivalvos", explicou o profesor.

Otero Pérez presentou esta cuarta feira na sede da Confraría de Barallobre, en Fene (comarca de Ferrolterra), un estudo encargado á Estación de Bioloxía Mariña da Graña, con sede en Ferrol, e xestionada pola USC.

Na súa intervención, destacou que a análise se baseou en "intervalos moi grandes de tempo" que limitan para "evidenciar cientificamente a causa exacta do problema".

Así, sostivo que, neste caso, pode haber unha "combinación de causas" e sinalou que os limos e as arxilas, que chegan por arrastre desde a parte continental, posiblemente arrastradas polo río Xuvia, antes eran evacuados "ao exterior, fóra da ría, debido ás correntes". Con todo, considerou que, após a construción do porto exterior de Caneliñas esa evacuación pode ser "máis limitada".

Lodos

Con estes compoñentes, o profesor universitario tamén incidiu en que "a tendencia a un incremento do lodo é moi evidente", un feito que considerou que "non é exclusivo" desta zona, senón que se trata dun “problema que ocorre tamén nas demais rías" da Galiza.

Sobre o porto exterior de Ferrol, Otero considerou que unha parte principal desta situación se debe á barreira que se puxo, que fai que as correntes sexan totalmente distintas, "tanto as de entrada como as de saída". Iso, indicou, motivaría que "parte do que se agrega por parte do río Xuvia, que antes chegaría á zona exterior, agora queda instalado na parte media da ría".

En canto a posíbeis solucións, o profesor detallou que "dragar é unha solución, pero tamén temporal, porque volve pasar o mesmo co tempo". Por iso, apostou por "unha actuación integral, para evitar cargas de sedimentos elevadas, tarefas de drenaxe e facer que algunhas infraestruturas sexan máis permeábeis", algo que "sería sempre positivo".