Que porcentaxe de mortes son atribuídas ao tabaco? A innovadora tese de Julia Rey Brandariz ten a resposta

Presentación da tese, esta terza feira (Foto: USC).
O estudo tamén ofrece datos sobre a mortalidade a causa dos gas radon.

A carga de mortalidade atribuída (MA) ao consumo de tabaco na Galiza, con datos do ano 2017, é de 11,4%, cun total de 3.000 falecementos en total por esta causa. Esta é unha das conclusións da tese doutoral Carga de mortalidade atribuída ao consumo de tabaco en España e as súas comunidades autónomas. 

A tese foi desenvolta pola investigadora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Julia Rey Brandariz, que realizou o primeiro estudo que estima a MA asociada ao tabaco nun mesmo ano en todas as autonomías do Estado español empregando as mesmas fontes de información e unha metodoloxía común.

Así, a nivel estatal, esta porcentaxe oscila entre 10,8% na Rioxa e 15,3% en Canarias. Entre os homes, a taxa de mortes atribuídas ao consumo de tabaco sobre a mortalidade observada total vai de 24,6% en Estremadura a 18,4% na Rioxa; mentres que no caso das mulleres sitúase entre a porcentaxe de 6,6% de Canarias e a de 2,3% de Castela-A Mancha. Pola súa parte, a media estatal é de 12,9%, superior á galega.

A MA do consumo de tabaco é maior nos homes en todas as autonomías. Ademais, un terzo dos falecementos foron provocados por cancro de pulmón, seguido de enfermidades cardiovasculares e da enfermidade pulmonar obstrutiva crónica.

"A pesar de que se observou nos últimos anos un importante descenso na mortalidade por enfermidade cardiovascular asociada ao tabaquismo, o consumo de tabaco segue sendo un factor de risco moi relevante neste tipo de patoloxías", explica a investigadora.

Gas radon

Por outra parte, a tese tamén inclúe un estudo sobre a mortalidade asociada ao gas radon. Aínda que a nivel estatal a exposición residencial a este gas inflúe en 4% da mortalidade por cancro de pulmón, esta taxa sobe a 7% nas autonomías máis afectadas, entre elas a Galiza.