A que non sabes que é a flavescencia dourada?

Exemplares do insecto 'Scaphoideus titanus', causante da praga da flavescencia dourada das vides (Foto: Ministerio de Agricultura).
A flavescencia dourada é unha grave enfermidade que afecta principalmente ás vides que se está a propagar pola Galiza. 

A flavescencia dourada é unha grave enfermidade que afecta principalmente as vides e pode, incluso, chegar a causar a morte das cepas. Está provocada por un fitoplasma que vai debilitando pouco a pouco a planta.

Esta doenza é propagada polo insecto 'Scaphoideus titanus', un bicho saltafollas que ten especial facilidade para saltar ás cepeiras que se atopen ao redor da planta enferma. Isto fai que sexa unha enfermidade que se contaxie moi rápido, polo que pode causar a morte de todas as vides dunha parcela se non se toman medidas inmediatas.

Segundo a Xunta da Galiza, neste momento, na Galiza temos unha praga de flavescencia dourada nas comarcas de: Terra de Celanova, O Ribeiro, A Paradanta e Baixo Miño.

Dentro da zona demarcada, os titulares das parcelas nas que se detecte a presenza de plantas infectadas ou insectos vectores da enfermidade deberán aplicar canto antes un tratamento insecticida autorizado.

As plantas con presenza da praga deberán ser arrincadas e destruídas canto antes. O máis recomendábel é que esta destrución sexa realizada in situ. No caso de que a parcela afectada teña máis dun 20% de plantas sintomáticas, todas deberán ser arrincadas e destruídas.