Por que non lle gustan aos ‘fodechinchos’ os museos galegos?

Sala do mar do Museo do Pobo Galego (Foto:Nós Diario)

Coches anegados cando sube a marea por estar aparcados en lugares prohibidos, queixas pola presenza do galego en lugares de ocio ou cultura, malestar polo tempo e até queixas pola excesiva néboa. Máis un ano, os “fodechinchos” volven a ser unha das atraccións do verán.

O Museo do Pobo Galego converteuse na maña de hoxe no obxectivo de varios ataques deste colectivo. Neste caso, Tamara Sánchez afirma nas súas redes sociais “todo en galego. E só había unha folla de tradución por sala, claro que se hai máis xente pois adeus”.

Museo do Pobo Galego

Outra usuaria das redes sociais, na mesma liña da anterior, sinala que “respecto moito que os textos estean en galego, pero gustaríame obter o mesmo respecto e poder entender algo en castelán após pagar a entrada”.

O emprego do galego molesta, particularmente, a este perfil de turistas. Así, vai uns meses, Jaime Vargas Zúñiga, doutor en ciencias xurídicas pola Universidade de Harvard, profesor e secretario xeral de Aspen insitute cargaba contra o Museo do Pobo Galego afirmando que “me parece inadmisíbel que os carteis estean integramente en galego e non español tamén”.

As queixas contra o uso galego nos lugares de cultura son habituais nos seus perfís. Neste sentido, a conta de twitter @FodechinchosG, un dos fenómenos deste verán con máis de 14.000 seguidores nun mes e medio, sinala que 11 de xullo, Fernando ML nas súas redes sociais crítica que “é asombroso que nun museo español as explicacións non aparezan no noso idioma e de feito sexa considerado como unha lingua estranxeira”.

Museo de Lugo

A mesma crítica do Museo do Pobo Galego é recibida polo Museo de Lugo. Neste caso é Agustín Díaz Arce quen cualifica de “pouco interesante” a institución rexida pola Deputación de Lugo, pondo como mostra disto que “a maioría dos carteis están só en galego”.

A Casa Museo de Rosalía de Castro en Padrón non resulta, tampouco, do seu gusto. Nesta ocasións, as pexas veñen porque após pagar 2 euros”, “todas as aclaracións e comentarios estaban en galego”.

As denuncias contra as institucións culturais galegas e o seu patrimonio chegan a outras dotacións. Por exemplo, recomendan non visitar o castro de Castrolandin, en Cuntis, argumentando que o castro só ten a información en galego.

Os petróglifos sen cubrir

Os petróglifos aparecen, tamén, no foco das súas críticas. Un deles, Hector M, afirmaba que “a verdade é que agardaba que polos menos estiveran baixo teito para deter a súa degradación”.

A cualificación de “fodechinchos” vai gañando espazo. A es respecto, @FodechinchosG entende que “ser fodechincho non é sinónimo de turista, todos somos turistas nalgún momento. Ser fodechincho é unha atitude, e pode estar presente tanto no visitante interno coma no turista estranxeiro, tamén hai galegos fodechinchos”.