Que "medidas excepcionais" adoptou o Concello de Pontevedra para facer fronte á prealerta de seca?

O río Lérez ao seu paso por Pontevedra. (Foto: Europa Press)
Os técnicos municipais e os de Viaqua, a empresa concesionaria do servizo da auga, estabeleceron catro niveis no marco dun plan excepcional de actuacións: normalidade, prealerta, alerta e emerxencia.

O Concello de Pontevedra emitiu esta terza feira un bando asinado polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, no que anuncia a adopción dunha serie de "medidas excepcionais" de redución do consumo de auga do abastecemento municipal.

Este conxunto de medidas veñen obrigadas pola situación de prealerta de seca decretada pola Xunta e a baixada de caudal do río Lérez.

Segundo xustifica o rexedor, son medidas "dirixidas a asegurar o aforro de auga e o uso racional do recurso". Entre outras, o Concello aproba a restrición do uso da auga destinada a encher piscinas, a rega de xardíns e outros usos lúdicos, baldeos, limpezas de fachadas e lavado de vehículos particulares.

O Concello de Pontevedra tamén insta as empresas e industrias a minimizar o consumo e a un uso razoábel da auga da rede municipal, tendo en conta que o uso prioritario é o do abastecemento á poboación, que por agora está "garantido".

O bando lembra á cidadanía que "é necesario tomar conciencia da importancia de levar a cabo medidas de aforro no consumo da auga, evitando o malgasto e minimizando os usos prescindíbeis".

A concelleira do Ciclo da Auga, Carme da Silva, explicou que estas medidas aplicaranse a partir de hoxe mesmo. "Queremos anticiparnos ao escenario de alerta porque é fundamental que a poboación se conciencie", apuntou.

Plan excepcional de actuacións

O Goberno local tamén aprobou un plan excepcional de actuacións ante a situación de escaseza de recursos hídricos, no que se prevén unha serie de medidas para a subministración de auga entre a poboación do municipio en función do nivel de caudal do Lérez.

Os técnicos do Concello e os de Viaqua, a empresa concesionaria do servizo da auga, estabeleceron catro niveis: normalidade, prealerta, alerta e emerxencia.

O terceiro nivel, de "alerta", é no que se fixarían restricións. Daríase cando o río presente un caudal entre os 0,87 e 1,17 metros cúbicos por segundo. As prohibicións que o Consistorio acaba de pór en marcha incluirían un réxime de sancións, multando os incumprimentos das restricións.

No último nivel do protocolo, se o río Lérez marcase rexistros por baixo dos 0,87 metros cúbicos por segundo, Pontevedra deixaría de captar do río e teríase que abastecer directamente do encoro de Pontillón do Castro, no termo municipal, que só ten capacidade de subministración para un mes.