Novas medidas no protocolo Covid das escolas infantís para o próximo curso

Relaxación de medidas nas escolas infantís (Foto: Europa Press).

As escolas infantís manterán grupos burbulla, mais poderán coincidir varios en exterior e reláxanse outras medidas. As crianzas poderán ter o calzado que levan da casa e o novo protocolo posibilita tamén deixar os carriños no centro.

A chave do funcionamento das escolas infantís galegas para o próximo curso seguirá sendo, no marco da pandemia, manter os coñecidos como grupos 'burbulla' -as unidades estábeis de convivencia-, así como as pautas reforzadas de hixiene e outras medidas, como a distancia de seguridade entre o persoal ou o control de acceso ao centro a provedores e terceiros.

Iso si, relaxaranse outras exixencias incorporadas no pasado curso debido á Covid-19, de forma que as nenas e nenos poidan usar dentro do centro o calzado que levan da casa e os centros poderán estabelecer o seu plan de continxencia e, segundo as súas características, o acceso restrinxido das nais e pais á aula nos períodos de adaptación e mantendo as medidas de prevención adecuadas.

Tamén se poderán deixar os carriños nos lugares habilitados para tal fin antes da pandemia e, aínda que o protocolo "recomenda manter na medida do posíbel" os grupos estábeis de convivencia á hora da actividade, contempla a posibilidade de que se poidan "mesturar grupos", aínda que se aconsella que sexa "en actividades ao air libre e no alumnado do mesmo grupo".

O protocolo, recolle tamén de forma expresa que en espazos exteriores poderán confluír diferentes grupos estábeis de convivencia se son do mesmo grupo de idade. E que nas 'burbullas' formadas por un número de nenas e nenos e os seus educadores non será preciso manter a distancia de seguridade.

E haberá outros cambios nas escolas infantís galegas, xa que, desde setembro, as e os profesionais non terán que realizar a enquisa de autoavaliación, non será necesario que se fagan entradas e saídas graduadas do persoal, permitiranse actividades grupais no centro e as asociacións de proxenitores poderán realizar reunións no mesmo, sempre que sexan fóra do horario de atención educativa.

O plus de hixiene e a ventilación continúan

Co fin de seguir na mesma liña, mantéñense algunhas medidas do plan inicial e seguirá sendo necesaria a ventilación (coa natural como opción preferente), a limpeza e a desinfección de mans e dos espazos.

Tamén será obrigatorio o uso de máscaras para o persoal, deberá efectuarse un control adecuado de acceso ao centro de provedores e terceiros, e manterase a distancia de seguridade entre o persoal do centro, ademais de evitar coincidir en espazos reducidos.

O protocolo foi actualizado conforme aos avances en vacinación e a evidencia científica, segundo argumenta a introdución do documento, no que se subliña que os datos de casos e gromos durante o pasado curso "confirman a baixa incidencia" nas escolas infantís e reafirman que os centros educativos son "espazos seguros e poden e deben garantir o seu funcionamento".

Pasos a dar ante sospeita de contaxios

O protocolo tamén relata os pasos para dar nos casos sospeitosos de Covid-19 fóra ou no centro en persoas vinculadas co mesmo. Se os síntomas aparecen nun neno ou nena, deberá ser trasladado á sala habilitada para o illamento e o acompañante usará unha máscara tipo FFP2 xunto cunha pantalla.

A persoa 'responsábel Covid' que debe ter o centro procederá a informar a familia, que deberá facerse cargo da menor o máis rápido posíbel. Se se confirma un positivo no centro, a 'responsábel covid' chamará a central de seguimento de contactos para identificar os contactos estreitos do ámbito educativo.

Non acudir ao centro con máis de 37,5 graos

Entre as pautas que continúan está tamén a obrigación das familias de tomar a temperatura das e dos nenos en casa antes de levalos á escola infantil.

Non acudirán os que teñan máis de 37,5º, tose ou síntomas respiratorios. De igual modo, aqueles que mantiveron contacto cunha persoa afectada dentro ou fóra da unidade familiar deberán permanecer no domicilio.

Previa á nova incorporación ao centro, as familias asinarán unha declaración responsábel e, de ser detectada febre ou outros síntomas, deberán presentarse o máis axiña posíbel, polo que deberán estar localizábeis en todo momento.