Análise

Que hai detrás da escaseza de profesionais da saúde mental?

Houbo xeracións completas de compañeiras que tiveron que emigrar ao rematar a residencia (PIR). (Ilustración: Álex Rozados)
A psicóloga clínica Rosa Cerqueiro prosegue o ciclo de análises de 'Nós Diario'.

Nas últimas semanas coñecemos o inicio de tramitación do proxecto de lei de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario do Sergas.

Para entendernos: faltan profesionais de medicina comunitaria e de pediatría no nivel de Atención Primaria e facultativos especialistas nos hospitais comarcais. Algo xa denunciado desde hai anos, moito antes do inicio da pandemia (explicación recorrente para xustificar as eivas na xestión sanitaria). Houbo que escoitar como se criticaba aos profesionais e á cidadanía nun afán de escusarse ante o peche de camas ou a non substitución de profesionais.

A realidade é testuda e esta carencia de persoal é o resultado de anos de recortes, desmantelamento do sistema e a absoluta falta de planificación en materia de recursos humanos (ligado aos dous anteriores motivos). Tanto as asociacións profesionais e de usuarios como as organizacións sindicais alertaron sobre as consecuencias en termos de calidade asistencial, seguridade e eficiencia que tal nefasta política ía traer consigo. A pandemia non fixo máis que facer estoupar un sistema mal coidado na súa estrutura máis esencial: o factor humano. Nada novo.

A sorpresa para as que traballamos no eido da saúde mental é que neste proxecto de lei tamén están incluídas as profesionais da psiquiatría, de psicoloxía clínica e da enfermaría de saúde mental. Non atopan candidatas para cubrir as prazas do Plan de Saúde Mental de Galicia poscovid-19.

Con todo, basta un recorrido polas últimas oposicións convocadas para descartar a idea de que non hai aspirantes suficientes. Para cada categoría, presentáronse mais de 100 aspirantes para 25 prazas de psiquiatría, 12 de psicoloxía clínica e 30 de enfermaría de saúde mental. Non vai quedar praza sen cubrir. Ao igual que pasa na convocatoria de Medicina de Atención Primaria a punto de finalizar, onde se triplicou o número de aspirantes con respecto ás prazas ofertadas.

Polo tanto, vemos que cando se ofertan postos con carácter estable, sexa cal sexa a localización do posto e a categoría profesional, cóbrense todos e cada un deles. Hai máis demanda que oferta.

Estabilidade: esa é a palabra clave para explicar o problema de base. Que unha persoa saiba onde vai traballar, durante canto tempo e en que condicións. Certezas. Seguridade. Conciliación.

Algún xestor chegou a deslizar a idea de que o que pasaba é que os profesionais non querían traballar. A resposta é evidente: non queren traballar mal. Contratos de días, e as fins de semana ao paro; contratos para cubrir postos en diferentes lugares; contratos mes a mes no mesmo posto durante anos; contratos de acumulación de tarefas en prazas que ían cambiando de profesionais cada seis meses; denegar permisos e vacacións e outros dereitos laborais; sobrecarga, estrés, queime. Non poder prestar a atención en condicións de calidade e seguridade.

No caso de psicoloxía clínica, ámbito que coñezo máis profundamente, a falta actual de aspirantes ten moito que ver coa imposibilidade de conseguir esa necesaria estabilidade vital. 

Xeracións emigradas

Houbo xeracións completas de compañeiras que tiveron que emigrar ao rematar a residencia (PIR). A Administración Autónoma investía en formación especializada do máximo nivel que logo non retornaba para beneficio da cidadanía como persoal altamente cualificado. Por non falar do custo emocional dunha emigración non desexada.

E as profesionais que non emigraron quedaban anos esperando por un primeiro contrato no Sergas e seguintes, moi distanciados no tempo, en condicións de precariedade e longa temporalidade, condicionando o seu proxecto vital e dificultando a conciliación. Desde 2006, a primeira convocatoria ordinaria de oposición, só saíron 31 prazas de emprego fixo. 31 prazas en 16 anos, as 12 últimas aínda por adxudicar.

Tal é o punto ao que se chegou que Galicia converteuse nun destino pouco atractivo para realizar a formación especializada. Poucas prazas PIR, ao non ofertarse todas as acreditadas (a metade das posibles ata este ano) e menos expectativas futuras. A situación da psiquiatría e da enfermaría de saúde mental non é moi diferente da descrita.

Agora inténtase buscar unha solución sen un mínimo de autocrítica por parte do goberno e sen unha proposta de planificación a longo prazo que evite tomar medidas excepcionais de urxencia e, sobre todo, evitar o esgotamento dos profesionais e a quebra do sistema sanitario público.