Que é a flavescencia dourada? Eis as chaves da praga que pon en risco a produción de uva na Galiza

Vendima en agosto de 2022 na Ribeira Sacra. (Foto: Carlos Castro, Europa Press)

A praga da coñecida como flavescencia dourada da vida foi detectada en Crecente e Arbo, na comarca da Paradanta; nas Neves, na comarca do Condado, e en Padrenda, na comarca de Terra de Celanova, todos eles fronteirizos con Portugal, país no que xa aparecera con anterioridade esta enfermidade.

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou na quinta feira a resolución da Consellaría do Medio Rural pola que declara a presenza desta praga e pola que se adoptan medidas urxentes para a súa erradicación.

Esta é unha enfermidade provocada por un fitoplasma e transmitida por un insecto (Scaphoideus titanus) que pode chegar a causar a morte das cepas. Portugal declarou unha zona demarcada de flavescencia dourada lindeira con varios municipios fronteirizos galegos, polo que se estabelece unha zona tapón de 2,5 quilómetros, que inclúe os catro municipios galegos afectados.

Con todo, a resolución publicada agora pola Xunta amplía a zona demarcada con medidas contra a erradicación da praga aos municipios da Caniza, Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas, Tui e Tomiño. Dentro da zona demarcada, os titulares das parcelas nas que se detecte a presenza de plantas inzada ou insectos vectores da enfermidade deberán aplicar canto antes un tratamento insecticida autorizado.

As plantas deben ser arrincadas e destruídas

As plantas con presenza da praga deberán ser arrincadas e destruídas canto antes. O máis recomendábel é que esta destrución se realice in situ. No caso de que a parcela afectada teña máis dun 20% de plantas sintomáticas, deberán arrincarse e destruírse todas as plantas da parcela no caso de que as plantas afectadas non estean agrupadas. Sucede o mesmo no caso de zonas abandonadas.

No relativo aos viveiros e outros operadores profesionais dentro das zonas infestadas, terán que inmobilizar de maneira cautelar o material de vide até a súa inspección oficial. Tamén deberán aplicar un tratamento insecticida autorizado e destruír todos os lotes infectados seguindo un procedemento específico.

No caso de ter plantas ou lotes sospeitosos de portar a enfermidade pero que non detecten síntomas tamén deberán ser eliminadas. Así mesmo, hai que arrincar e destruír todas as plantacións abandonadas das zonas demarcadas, así como eliminar as plantas silvestres do xénero Vitis spp e aquelas que poidan ser portadoras da enfermidade, entre outras medidas preventivas.

Procede de América do Norte

Esta enfermidade, que procede de América do Norte, detectouse en diferentes países europeos durante os últimos anos. Está provocada por un fitoplasma que se propaga pola acción dun insecto voador. Foi detectada por primeira vez na Península en 1996, en Catalunya.

A flavescencia dourada desencadéase cando o organismo unicelular se instala no zume da planta, o que produce a súa desecación paulatina e a consecuente redución da súa produtividade, nun proceso que pode chegar a matar a cepa.