"O que dura un partido de fútbol", o tempo de psicoterapia dun paciente no Sergas ao longo dun ano

Entre a primeira e a segunda consulta de psicoterapia poden pasar até seis meses (Foto: Europa Press).
A demanda de atención psicolóxica ou psiquiátrica por casos de gravidade está a aumentar na Galiza, mais tamén o fan as listas de espera do Sergas. Os profesionais da pública deben atender nunha xornada de sete horas o mesmo número de pacientes que nunha privada ao longo dunha semana.

"90 minutos. O tempo que dura un partido de fútbol, mais distribuído ao longo de doce meses". Esa é actualmente a duración do tratamento psicoterapéutico que moitas persoas reciben a través do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Advírteo, en conversa con Nós Diario, o psicólogo clínico do sistema público e secretario de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía da Galiza (COPG), Carlos Losada.

Segundo o último informe difundido polo Sergas, a día 30 de xuño de 2021 había na Galiza 1.952 persoas en lista de agarda para seren atendidas a través dos servizos de psicoloxía ou psiquiatría —o Goberno galego ofrece unicamente a cifra global e non diferencia entre ambas as especialidades, malia ter solicitado dita información este xornal—. Trátase dun incremento de 47% a respecto do anterior rexistro, con datos do segundo semestre de 2020, cando había 1.321 persoas en espera.

Tamén medrou o tempo medio que un ou unha doente debe agardar antes de acudir á primeira consulta psicolóxica ou psiquiátrica: 37,8 días (+3). "En cada unidade de saúde mental hai dous psiquiatras, un psicólogo clínico e unha enfermeira especialista", explica Losada, polo que cómpre supor que a espera é maior no servizo de psicoloxía, ao contar con menos profesionais. Aliás, apunta que "os psiquiatras realizan esencialmente un control farmacolóxico e as revisións son breves; non fan psicoterapia".

Así as cousas, para o secretario de Psicoloxía e Saúde do COPG, os datos ofrecidos polo Sergas non reflicten a realidade: "Refírese unicamente á primeira consulta, mais entre unha e outra cita poden pasar até cinco ou seis meses dependendo da área sanitaria e do centro, xa que a carga de traballo vai en función das derivacións que fai o médico da Atención Primaria".

Isto sucede porque, mentres nas clínicas privadas os profesionais deciden non aceptar novos doentes por mor do incremento da demanda até liberar cadansúas axendas e poder ofrecer un tratamento continuado e efectivo, no sistema público priorízanse as primeiras consultas a fin de desconxestionar as listas de agarda. "É unha forma de varrer por baixo da alfombra sen solucionar o problema de raíz", lamenta. Aínda así, o tempo de espera para a primeira consulta oscila, en función da área sanitaria, "entre os dous e os cinco meses".

As sesións, que deberían durar entre 50 e 60 minutos cada unha para seren realmente efectivas, "non chegan á media hora". "Moitas e moitos psicólogos teñen unha carga tan alta de traballo que priorizan os casos máis graves para atendelos fóra do tempo asignado para consultas nas súas xornadas laborais. Ás veces na pública hai que despachar 12 pacientes en sete horas, mentres na privada esa cantidade atenderíana ao longo dunha semana", engade Carlos Losada.

Un servizo "maltratado"

Baixo o punto de vista do psicólogo clínico, a súa especialidade é a máis "maltratada" polo Sergas "coa excepción da Atención Primaria, que está moi saturada pola pandemia".

Neste senso, salienta que as listas de agarda de psiquiatría e psicoloxía clínica no seu conxunto volven estar nos niveis de 2019. "O pasado ano baixaron moito, porque debido á pandemia fechou a Primaria e non había médicos para valorar ás e os doentes e non se fixeron moitas derivacións", explica.

Malia que o Sergas vén de reforzar o servizo coa contratación dunha corentena de novos efectivos, "segue a ser insuficiente". Así mesmo, Losada lamenta que algúns dos reforzos fosen temporais: "Co estado de alarma chegaron máis profesionais, pero logo quitáronse nalgunhas unidades de saúde mental, coa conseguinte sobrecarga de traballo para os demais".

Aumentan os casos graves

Desde que comezou a pandemia, Carlos Losada non percibiu un notábel incremento da demanda de servizos de atención psicolóxica a nivel global, "mais si de persoas con casos de maior gravidade". Isto acontece, sobre todo, entre as persoas máis novas: "Temos moitos intentos de suicidio. As e os mozos son moi vulnerábeis, e unha intervención psicoterapéutica a esas idades pode marcar a diferenza entre poder levar unha vida normal ou medrar cunha serie de conflitos. Falamos de rapaces que viviron a crise de 2008, viron como os seus país perdían o emprego ou tiñan traballos precarios e debían pasar máis horas fóra da casa...".

A este respecto, cre que o sistema "non está pensado para a mocidade" e ten grandes eivas para abordar as súas problemáticas, e lamenta a "excesiva culpabilización" dos mozos durante a pandemia.

"É preciso redeseñar o sistema"

O psicólogo Carlos Losada salienta que o sistema das unidades de saúde mental "foi deseñado na década de 1970", polo que considera preciso sometelo a unha renovación completa para poder ofrecer un servizo eficiente ás persoas doentes. "Todo o demais son pequenos parches", di.