Que di o BOE sobre a retirada da obrigatoriedade das máscaras en interiores?

Máscaras cirúrxicas (Imaxe: Nós Diario)
O Boletín Oficial do Estado vén de recoller o Real Decreto aprobado nesta terza feira polo Consello de Ministras e Ministros, que regula a retirada da obrigatoriedade do uso das máscaras nos espazos interiores. Le aquí a publicación do BOE.
  1. Deixa sen efecto os apartados que regulan a obrigatoriedade
  2. Destaca o proceso de vacinación no Estado español
  3. Onde se mantén a obrigatoriedade?
  4. Excepcións

No día de onte, o Consello de Ministras e Ministros do Estado español aprobou un Real Decreto polo que o uso de máscaras deixará de ser obrigatorio en espazos interiores a partir desta cuarta feira, tras ser publicado no Boletín Oficial do Estado (BOE). Mais, que recolle esta publicación?

Deixa sen efecto os apartados que regulan a obrigatoriedade

Co Real Decreto aprobado onte polo Executivo de Pedro Sánchez, déixase sen efecto os apartados 1 e 2 do artigo 6 da Lei 2/2021, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á pandemia. Estes apartados regulaban os supostos nos que o uso da máscara era obrigatorio e que agora deixan de selo, como o seu uso en locais e espazos comerciais.

No texto explícase que esta decisión está amparada na mellora da situación epidemiolóxica que mostra o panel de indicadores acordado no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS).

Destaca o proceso de vacinación no Estado español

Un destes indicadores ao que se refire o BOE é o proceso de vacinación que se segue a levar a cabo no Estado español. "As coberturas de vacinación están por enriba de 92% na poboación  maior de 12 anos e máis de 92% dos maiores de 60 anos recibiron unha dose de reforzo que mellora a protección deste grupo de poboación fronte á COVID-19 grave e falecemento". Os nenos de 5 a 11 anos, o grupo de poboación que máis tarde iniciou o 
proceso de vacinación, "xa alcanza coberturas de máis de 40% coa pauta completa". 

Onde se mantén a obrigatoriedade?

Conforme destaca a publicación do Boletín Oficial do Estado, polo de agora seguirán a manterse unha serie de espazos interiores coa obrigatoriedade vixente.

En concreto, as persoas maiores de seis anos deberán empregar a máscara cando se atopen en "centros, servizos e estabelecementos sanitarios", tanto cando formen parte dos cadros de persoal como cando estean visitando familiares e achegados; en "centros sociosanitarios", cando visitantes, residentes e profesionais se atopen nos espazos comúns.

Tamén no transporte público aéreo, terrestre e marítimo. Neste último, só nos espazos pechados e comúns, a excepción dos camarotes compartidos por núcleos familiares.

Excepcións

O Real Decreto mantén algúns supostos nos que o uso da máscara nestes espazos interiores non poderá ser exixido polas autoridades pertinentes.

Por unha parte, as persoas que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida ver agravada polo uso da máscara, e aquelas que, por unha situación de dependendencia, non conten coa autonomía suficente para quitarse a máscara cando non sexa obrigatorio.

Por outra parte, durante a realización de actividades que sexan incompatíbeis co uso da máscara en espazos interiores, mais sempre atendendo ás recomendacións sanitarias.