Debo levar a máscara no traballo? Estas son todas as excepcións á norma que suprime o seu uso obrigatorio

O uso da máscara regularao cada empresa. (Foto: Loreanto)
Esta cuarta feira deixará de ser obrigatorio o uso da máscara en interiores con carácter xeral, malia que existen algúns casos nos que se deberá seguir utilizando.
  1. Debo seguir usando a máscara na oficina?
  2. E se traballo de cara ao público debo levar máscara?
  3. Nos colexios hai que usar a máscara?
  4. É obrigatoria a máscara nos hospitais e residencias?
  5. Hai que levar a máscara no transporte público?

A Galiza dá un paso máis no proceso de desescalada das medidas adoptadas hai xa dous anos por mor da pandemia da Covid-19. Esta cuarta feira, 20 de abril, deixa de ser obrigatorio en todo o Estado español o uso da máscara en espazos interiores, con carácter xeral, mais con algunhas excepcións.

"É un día moi especial para o Goberno e o conxunto dos españois na loita contra o virus. Estamos a avanzar na normalidade. Mañá poderemos desprendernos en interiores das máscaras e mostrar os nosos rostros e os nosos sorrisos", dixo a ministra de Política Territorial e portavoz do Executivo estatal, Isabel Rodríguez.

Debo seguir usando a máscara na oficina?

As persoas expertas recomendan un "uso responsábel" da máscara e instan a cidadanía a avaliar o risco propio de cada persoa. No caso das oficinas, fábricas e outros centros de traballo, será cadanseu servizo de prevención de riscos o encargado de decidir se segue a ser obrigatorio, ou non, o uso da máscara.

Valoraranse aspectos como o número de persoas que conviven nun mesmo espazo fechado, a calidade do ar e as posibilidades de ventilación ou a distancia entre cada traballador ou traballadora.

E se traballo de cara ao público debo levar máscara?

As persoas que traballan na hostalaría, en centros comerciais ou outros negocios de venda ao público non terán que levar a máscara, unha decisión que tamén será persoal.

Nos colexios hai que usar a máscara?

No caso dos centros de ensino —colexios, institutos e universidades—, o uso da máscara pasa de "obriga" a "recomendación", segundo confirmou esta terza feira o conselleiro de Educación, Román Rodríguez.

Levar a máscara ou non nos espazos interiores destes recintos, polo tanto, será unha decisión "voluntaria" para alumnado e profesorado, malia que se recomenda "por precaución, prudencia e respecto". Aconséllase, sobre todo, para as persoas vulnerábeis.

É obrigatoria a máscara nos hospitais e residencias?

Para acceder a hospitais, centros de saúde e residencias de maiores ou de persoas con diversidade funcional, así como nas farmacias, lugares de transfusión de sangue e similares, seguirá a ser obrigatorio portar a máscara, tanto para as persoas visitantes como para o persoal traballador.

O mesmo acontece coas persoas ingresadas —ou residentes—, mais só cando accedan ás zonas comúns destes recintos, ou as persoas que acudan ao hospital sen quedar ingresadas, ao estaren en zonas comúns. Tampouco as persoas presas deberán usala nos cárceres, mais si os traballadores.

Hai que levar a máscara no transporte público?

Dado que nos autobuses resulta especialmente difícil garantir o distanciamento social de 1,5 metros, é preciso levar a máscara. O mesmo acontece cos taxis e vehículos VTC.