Unha escolma do papel

puntoGAL: un país de seu na Rede

Acto de Punto Gal para presentar Pioneiros.

Un total de 93 webs xa operan co dominio .gal, unha cifra que se espera que a partir de decembro sexa de milleiros. Oito anos de traballo e compromiso deron os seus froitos: Galiza con existencia propia no mundo das redes.

O 25 de xullo comezaron a funcionar na rede os primeiros 93 enderezos baixo o dominio .gal logrando, como define Manuel González (presidente da asociación puntoGAL), "algo tan importante como que neste medio revolucionario que condiciona as nosas vidas, Galiza teña un carné de identidade, que a lingua galega teña visibilidade”. Tras oito anos de traballo, de perseverancia e de compromiso, o noso país tiña dominio de seu nas redes. Mais o mellor, como din desde puntoGAL, "está por vir". Será a partir de decembro a Fase Aberta, na que todo o público poderá acceder ao dominio .gal sen máis restricións.

 

A travesía que fixo posíbel que Galiza tivese dominio propio comezou hai máis de oito anos, en xuño de 2006 coa creación da Asociación puntoGAL. Un colectivo que naceu ao ronsel do éxito do .cat. En setembro de 2005 a ICANN (acrónimo de Internet Corporation for Assigned Names and Numbers, entidade sen fins lucrativos, multilateral, que organiza a concesión de dominios e de enderezos IP no mundo) aprobaba o dominio.cat. Poñía así o ramo a unha década de traballo d@s cataláns por lograr a súa identificación en internet.

 

PASOS ATÉ O DE AGORA

 

En febreiro de 2007 a Xunta anunciaba o seu apoio oficial a esta iniciativa e en febreiro de 2009, puntoGAL superaba os 10.000 apoios de persoas, colectivos, entidades, empresas, administracións... Os primeiros pasos de 2006 estaban a se converter en maré.

 

Os sitios que aspiran a .gal deben ter un mínimo en galego ou relacionado coa cultura galega

 

O 29 de maio de 2012 presentábase oficialmente a candidatura para Galiza contar cun dominio propio. Un ano despois, en xuño de 2013, a ICANN notificaba que se superara o proceso de avaliación. E o 12 de abril de 2014 a asociación puntoGAL recibía a delegación do dominio. As portas abríanse a facer unha realidade o .gal.

 

NOVOS PASOS

 

Cumprida a fase de Pioneiros, comezarán en paralelo de setembro a novembro as de Abrente e Carreira. A directora xeral da asociación Edita de Lorenzo explica que Abrente comezará en setembro, durará até novembro e busca "protexer dominios de interese público". Nesta fase as entidades públicas e privadas poderán exercer o seu dereito preferente de solicitar o seu dominio actual. "Búscase así protexer os intereses de colectivos como propietarios de marcas, administracións públicas, marcas internacionais protexidas de acordo as normas da ICANN (o organismo que goberna os enderezos da Internet), etc. Cómpre lembrar que unha das finalidades do punto GAL é que as empresas e institucións poidan presentar as súas marcas, produtos e servizos dunha maneira máis próxima aos galegos".

 

"Conseguimos que Galiza teña un carné de identidade, que a lingua galega teña visibilidade"

 

Paralelamente haberá a fase Carreira para o público en xeral e para os enderezos que non teñan dereitos preferentes. Durante esta fase poderase poxar por enderezos especialmente atractivos.

 

POÑER O RAMO

 

E finalmente, en decembro, chegará a Fase Aberta, na que todo o público poderá acceder ao dominio .gal sen máis restricións, como sucede como calquera dos dominios que levan tempo na Rede.

 

@s impulsores do .gal destacan que todo son vantaxes. Desde que o .gal permitirá visibilizar os produtos, a cultura e a comunidade galega no mundo até que empresas, produtores e comercializadores de produtos nos que a identificación con Galiza supón un plus de calidade. Desde a oportunidade para o galego até que contribuirá ao uso e fomento das novas tecnoloxías por e para a sociedade galega. 

 


 

 

A saber

 

PóDESE REXISTRAR CALQUERA NOME?

Si. Mais ICANN establece certas restricións (estados oficialmente aceptados pola ONU e outras excepcións). A Asociación PuntoGal reservará algúns nomes de dominio por motivos de interese público.

 

CANDO PODO REXISTRAR O MEU .GAL?

O lanzamento de dominios realizarase en varias fases. Xa en marcha a de Pioneiros, empezarán outras (Abrente, Carreira). En decembro abrirase a posibilidade do rexistro dun dominio .gal ao público en xeral.

 

QUE CONDICIóNS DEBERáN CUMPRIR?

Debe ter un contido mínimo significativo en galego. En caso de que non estea, deberán ser contidos relacionados coa cultura galega ou servizos en liña especificamente dirixidos á comunidade galega.

 

CO .GAL PERDEREI O .COM .ORG OU .ES?

Non, os dominios son compatíbeis entre si e pódense activar tantos cantos se desexen para o mesmo nome de dominio. Polo tanto, non se perderán os anteriores dominios .org .com ou .es

 

QUEN XESTIONA O DOMINIO .GAL

O dominio.gal xestiónase dende a Asociación PuntoGal, un entidade privada sen ánimo de lucro, constituída por axentes de todos os ámbitos representativos da sociedade galega.

 

 

Esta reportaxe apareceu no Sermos Galiza nº 107, publicado a 31 de xullo de 2014.