Análise

Punto e seguido

2023 ten por diante un gran labor en termos da tripla teoría da sustentabilidade. (Ilustración: Álex Rozados)
Rosa Regueiro, profesora de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, debulla para 'Nós Diario' os retos a nivel ambiental para o ano entrante.

Hai unha frase célebre que di algo así como que as ilusións non se murchan porque non son flores senón sementes. E seguramente é nesta época de celebración e de ponte entre un ano que remata e outro nacente cando a ilusión acada a súa máxima expresión, tanto nos cativos como nos adultos.

Quizais esperamos que por arte da maxia, polo menos parte dos deberes pendente, tornen en logros inmediatos, unha especie de "punto e á parte", cando realmente é unha situación de "punto e seguido".

2023 ten por diante un gran labor en termos da tripla teoría da sustentabilidade, ben sexa social, económica ou enerxético-ambiental.

As herdanzas do pasado, os contundentes avisos de cara ó futuro e os retos que aparezan no presente, confiren a este novo ano unha importancia que non debe desprezarse.

As organizacións supranacionais deben concentrar esforzos por acadar resultados reais e realistas, porque o máis importante, a propia supervivencia, está en xogo. Por exemplo, en termos de biodiversidade, e tendo en conta o acordo histórico acadado durante a celebración da COP-15 en Montreal, precísanse accións contundentes xa, para que no ano 2030 o 30% das zonas terrestres e das augas continentais, costeiras e marítimas, estean conservadas e xestionadas de xeito efectivo.

Os informes da ONU sinalan que no ano 2022 só estaban protexidos o 7% dos océanos e o 14% da superficie terrestre, e alertaba do perigo da evolución dos enclaves "hotspots". Os "hotspots" son zonas do planeta cunha extraordinaria riqueza en biodiversidade, con moitas especies endémicas propias e exclusivas dese lugar, pero que están a sufrir un intenso proceso de destrución. As accións a desenvolver están identificadas, entre outras, reducir o uso de químicos e praguicidas altamente contaminantes, ou frear a intervención humana na eliminación de especies protexidas. 

 Os "hotspots" son zonas do planeta cunha extraordinaria riqueza en biodiversidade, con moitas especies endémicas, que están a sufrir un intenso proceso de destrución

En definitiva, accións contundentes que muden unha tendencia nada eficaz nin eficiente, pero con coñecidos impactos colaterais. Entre outros, o problema neste caso está no eido económico, porque se precisan máis de 200.000 millóns de dólares a financiar tanto polo ámbito público como polo ámbito privado.

Dos case 200 países participantes e asinantes, unha parte significativa está formada por países de Africa, América do Sur ou Asía, que teñen unha situación socioeconómica e política máis feble.

Outro exemplo de grande importancia no noso contorno inmediato é a configuración dos prezos enerxéticos, en particular, da enerxía eléctrica. Nos días de Nadal tivemos prezos da electricidade tan baixos que xa non se recordaban, cando menos, desde había un ano. A situación meteorolóxica para a impresionante produción eólica e a baixada do prezo do gas converteron a excepción ibérica nun regalo que provocaba a envexa nos territorios veciños. Mais precísanse solucións duradeiras a medio e longo prazo, que esixe cambios estruturais na matriz enerxética e no sistema de configuración dos prezos da electricidade.

A electricidade é un ben/servizo básico de primeira necesidade, fundamental para o desenvolvemento da vida cotiá, doméstica e industrial. Os fallos no subministro, a imposibilidade de acceso en cantidade/calidade derivan en situacións de exclusión, pobreza, vulnerabilidade e desigualdade, impropias de economías desenvolvidas e sustentables.

Relacionado co xa comentado, está a constatación dos perigos derivados da dependencia das materias primas e dos materiais, tanto pola dispoñibilidade insuficiente, como polas tensións estratéxicas e financeiras que causan distorsión no seu acceso.

Na nosa fermosa lingua galega, destacan valiosas palabras como é "afouteza", que no dicionario da Real Académica Galega (RAG) defínese como "a disposición de quen actúa sen temor ás dificultades e perigos". Actuemos, pois, con afouteza, actuemos.