Pubs e discotecas poderán abrir en Noitevella até as 3, mais ficarán excluídos de axudas vinculadas a que pechen

As restricións ás reunións, cualificadas pola Xunta como "toque de non queda" e pendente de avalar polo TSXG, queda fixado de 3 a 6 da mañá.

Pubs e discotecas poderán abrir na Galiza até as 03,00 horas da madrugada en Noitevella, aínda que aqueles negocios que decidan funcionar durante toda a fin de semana (entre esta quinta feira día 30 e o domingo 2 de xaneiro) ficarán fóra dun paquete de axudas económicas articuladas pola Xunta que se repartirán en función do tamaño do local.

O dispositivo para o lecer nocturno foi acordada nunha reunión mantida durante máis de tres horas entre o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda; os conselleiros de  Sanidade, Julio García Comesaña, e Economía e  Emprego; María Jesús Lorenzana; con representantes de algúns colectivos e asociacións do sector dos pubs e discotecas de Galiza.

Deste modo, os locais poderán abrir durante Noitevella como máximo até as 03:00 horas. Aqueles negocios que decidan baixar a persiana entre a quinta feira día 30 e o domingo 2 de xaneiro poderán optar a un paquete de compensacións económicas que van desde 2.500 a 45.000 euros en función do tamaño do establecemento.

As restricións ás reunións, cualificadas pola Xunta como "toque de non queda" e pendente de avalar polo TSXG, queda fixado de 3 a 6 da mañá.

Así, o Goberno galego decide ampliar o horario inicialmente anunciado para o lecer nocturno para as próximas semanas. Operarán ata as 03:00 horas, cando a intención da Xunta era que o fixesen ata as 02:00 horas.

Este será o horario até a semana do 18 de xaneiro, cando as partes están convocadas para volver discutir o funcionamento dos negocios do lecer nocturno que, en palabras do presidente de Galiza de  Noite, Luís Diz, entenden a necesidade de adoptar medidas pola situación sanitaria, aínda que lamentar ser o único sector ao que se impuxeron restricións para combater a sexta onda da pandemia.

En declaracións aos medios tras a longa reunión mantida na sede da Xunta en Santiago, Luís Diz incidiu en que para os negocios de lecer nocturno "é moi difícil facer unha sesión de fin de ano" co horario limitado ata as 03:00 horas polas propias características da Noitevella.

As axudas irán en función do tamaño do establecemento e estarán supeditadas a que os negocios pechen durante catro días, do 30 de decembro ao domingo 2 de xaneiro, fin de ano incluído.

Axudas

As axudas serán de 2.500 euros para os locais de menos de 100 metros cadrados, 5.500 euros para os de entre 100 e 200  m2; 9.000 euros para os de entre 250 e 500 m2, 14.000 euros para entre 500 e 700  m2; 27.000 para os de entre 700 e 2.000  m2 e, finalmente, 45.000 euros para aqueles con máis de 2.000  m2.