O público pide paso no ámbito dos servizos sociais

Un residente abandona o centro integrado Porta do Camiño, en Compostela (Arxina).
Por uns servizos sociais cento por cento públicos, contra a privatización dos coidados e en solidariedade coas familias das vítimas da COVID-19 nas residencias da terceira idade. As principais cidades da Galiza acollen hoxe a mobilización dos colectivos máis afectados pola crise sanitaria do coronavirus e as deficiencias do actual modelo de dependencia.

Galiza sae hoxe á rúa contra a privatización dos coidados, para advertir dos riscos da maximización dos beneficios a costa da vellez e da dependencia, mais para reclamar uns servizos sociais públicos. A mobilización parte de Modepen, o Movemento Galego en Defensa das Pensións Públicas, e do colectivo Traballadoras de Residencias da Galiza (TreGa), promotores das marchas cívicas que terán lugar contra o mediodía en Pontevedra, A Coruña, Ferrol e Lugo; e a partir das 20 horas en Compostela, Ourense e Vigo.

"O que pasou durante a pandemia nas residencias da terceira idade da Galiza demostra, ás claras, a situación delirante e de barbarie que atravesa o sector da dependencia como consecuencia da privatización e da súa consideración como área de negocio", comenta Francisco Vázquez Vizoso a Nós Diario. Para este especialista médico, agora membro de Modepen pero durante moitos anos xefe do servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Complexo Hospitalario de Pontevedra, está máis que demostrado que houbo un exceso de mortes nas residencias galegas, nomeadamente nas privadas. "Puxemos de manifesto que a privatización dos coidados vai asociada a un incremento dos falecementos. De feito, constatamos que a probabilidade de morrer por COVID-19 nos centros de xestión privada foi 24 veces maior que nas residencias de xestión pública", detalla.

274 mortes en residencias

A día de hoxe, Galiza contabiliza 618 mortes a causa da COVID-19. No que atinxe ás residencias, a Consellaría de Sanidade apunta 274 falecementos, dos cales 132 tiveron lugar nos propios centros e 142 en hospitais e residencias integradas. Representan perto de 45% das defuncións ocasionadas polo novo coronavirus.

Neste sentido, desde Modepen defenden que lle corresponde á Administración dar cos factores de risco internos que expliquen esa elevada mortalidade. "Iso é o que deberan determinar as autoridades públicas se tivesen un mínimo de responsabilidade. Sabemos que nas residencias privadas morreron moitas máis usuarias que nos centros públicos, pero por que? A que se debeu? Á baixa calidade da alimentación, ao uso de cuartos dobres, á deficiente formación do persoal que coida das residentes, á falta de profesionais suficientes?", pregunta Vizoso.

Na súa opinión, o Goberno galego debe encargar e financiar canto antes un estudo epidemiolóxico "preciso e independente" co fin de determinar os motivos da mortalidade entre as residentes usuarias de centros sociosanitarios privados. "Unha Administración responsábel que quixese mellorar a situación preocuparíase de saber, aínda que só fose para se poder preparar de cara a unha segunda vaga de contaxios, que virá en outubro", apunta o epidemiólogo.

Conivencia da Xunta

A falta de "dilixencia" do Executivo galego á hora de resolver as incertezas que rodean as mortes en residencias da terceira idade demostra o seu propio desinterese por mudar un modelo de coidados e de atención á dependencia que as promotoras das marchas cívicas por un servizos sociais públicos urxen reformar. Así o interpreta, tamén, Xosé Bernárdez Solla, presidente da asociación Vellez Digna, integrante da Federación Galega de Asociacións de Usuarias e Familiares de Residencias (REDE).

 

A reportaxe completa podes lela no Nós Diario de hoxe, 11 de febreiro