Entrevista

Eva López Barrio, científica da USC: "A transferencia tecnolóxica está moi masculinizada"

A científica da USC Eva López Barrio. (Foto: USC)
Eva López Barrio (Escairón, 1969), científica da USC experta en técnica de transferencia de coñecemento, presenta esta terza feira en Madrid os resultados preliminares do estudo ‘Indicadores de xénero no emprendemento de I+D+i’, un proxecto no que participaron a UVigo e a USC xunto a 12 universidades do Estado español.

O estudo preliminar que presentará Eva López sinala, a nivel estatal, con datos semellantes a nivel galego, que na listaxe total de persoas investigadoras, nas 50 primeiras 8% son mulleres fronte a 92% de homes. 83,40% dos proxectos son dirixidos por homes, fronte a 16,60% de proxectos dirixidos por mulleres.

Outro dato é que 70,56% do persoal investigador é home fronte a 29,44% que son mulleres. Ademais, sinala que 84,48% dos fondos totais son captados por homes, fronte a 15,52% que son captados por mulleres.

Pola contra, no ámbito docente, a porcentaxe de mulleres que se presenta nas cátedras é de 42% fronte a un 58% de homes. Por último, nas taxas de creación de spin off participa apenas 1,23% do persoal investigador. Deste, 86,60% do que está presente nas spin off son homes, fronte a 13,40% das mulleres.

—Que conclusión saca do estudo que se presentará hoxe?
Será un adianto do estudo que se dará a coñecer en outubro de 2023 e os datos son peores do que críamos. Nas "incubadoras" actuais de base tecnolóxica a maior parte dos proxectos son moi masculinos. E se son femininos vanse masculinizando unha vez que pasan a ser profesionais. A situación, polo que sabemos, é a mesma na Galiza que a nivel estatal e europeo. Podemos dicir que hai unha fenda de xénero.

—Cal é a razón?
A ciencia xérase con enfoques de xénero. Xa está comprobado en moitos estudos e nós engadimos o que acontece no apartado da transferencia, cando se crean as empresas tecnolóxicas. Para crear unha empresa de base científica hai que partir do coñecemento. É como unha cadea de produción, non chegas á parte de facer unha empresa baseada no coñecemento ou unha patente se non hai un camiño anterior de ciencia e de investigación.

Ese camiño xa está moi masculinizado, sobre todo en determinadas áreas do coñecemento. Por exemplo, nas enxeñarías informáticas onde a situación é alarmante, case non hai mulleres. Cando se fai a transferencia, ademais, vaise masculinizando o proceso. 

A razón é que a transferencia está pensada en ámbitos moi tecnolóxicos. Despois chega a parte da creación de empresas de base tecnolóxica que é a seguinte base, polo que se incrementan máis os enfoques de xénero. A razón é que o emprendemento bebe de modelos como o de Silicon Valley, cheo de estereotipos que illa moitas mulleres e tamén algúns homes. 

—A idea vai máis alá de contar cantas emprendedoras saen das universidades?
O noso traballo non é só contar as mulleres neste ámbito, senón que modelo se fai cando se fai ciencia. En que modelo se está inspirando cando se fai transferencia. E, sobre todo, cando se fai emprendemento universitario, que debería beber de modelos como o da economía feminista e bebe de modelos moi tecnolóxicos que illan a nosa comunidade universitaria. 

O alumnado e os grupos de investigación das universidades de Vigo, Santiago e A Coruña moitas veces están moi afastados do modelo ‘super unicornio’. Pola contra, temos outros máis sostíbeis, máis de liderado horizontal, máis feministas, máis respectuosos coas persoas e co medio ambiente, que se achegan máis á contorna universitaria.

A USC é unha universidade feminina

A USC é unha universidade feminina, sobre todo nas aulas, ao non ser unha politécnica, non ten moitas enxeñarías. Outra cousa son os resultados de transferencia. Porén, aínda somos bastante fortes na área de biotecnoloxía, que está moi feminizada ao vir de campos como farmacia, química ou medicina, onde hai moitas mulleres. Mais en relación á creación de empresas segue o camiño de masculinizarse.

—Ten que mudar a mentalidade das empresas?
A finalidade primeira é facer visíbel as mulleres que crean empresas de base tecnolóxica, aínda que sexan poucas. É a maneira de ter referentes. Porén, é importante un cambio de modelo empresarial. O mundo xa demanda outro modelo económico e social, este non aguanta.

Ao mellor hai que pensar na calidade de vida das persoas. A universidade, neste sentido, ten que ir á vangarda. Ademais, a comunidade universitaria vese mellor reflectida neste tipo de proxectos máis sostíbeis, máis feministas. Moitos compañeiros varóns tampouco queren ese modelo tan agresivo. 

O que si constatamos é que a maior parte das empresas tecnolóxicas están creadas por homes.