Publicados os feriados locais para 2024 na Galiza. Mostrámoschos aquí

Consulta os feriados do ano 2024 na Galiza en 'Nós Diario' (Foto: Sergei Fedulov / Adobe Stock).
A festividade local máis repetida é a do 16 de agosto, San Roque, escollida por multitude de concellos do país, entre eles a capital galega.

O Diario Oficial da Galiza (DOG) recolle esta quinta feira a resolución da Dirección Xeral de Relacións Laborais pola que se publican os feriados laborais de carácter local no país para o ano 2024.

A festividade local máis repetida é a do 16 de agosto, San Roque, escollida por multitude de concellos do país, entre eles a capital galega.

En Santiago de Compostela, serán festivos en 2024, o 9 de maio, día da Ascensión, e o 16 de agosto. Tamén Vigo celebrará o San Roque, ademais do Martes de Entroido, o 13 de febreiro. Este último tamén será festivo na Coruña, xunto ao 24 de xuño, festa de San Xoán.

En Ferrol, será o 19 de marzo, festividade de San Xosé, e o 1 de abril, a Señora de Chamorro. En Lugo e Ourense tamén se decantaron polo Martes de Entroido, o 13 de febreiro e, no caso da cidade amurallada, polo 5 de outubro, San Froilán; e na cidade das Burgas, polo 11 de novembro, San Martiño.

En Pontevedra, serán festivos o 14 de febreiro, Mércores de Cinza; e o 11 de xullo, San Bieito.

Resto de feriados

O DOG publicou en xullo calendario laboral do país para 2024, no cal se fixan oficialmente os 12 festivos do próximo ano.

A normativa estatal estabelece en 14 as festas anuais non recuperábeis, remuneradas e de carácter obrigatorio. Delas, dúass corresponden a cada concello. Pola súa parte, nove festivos son obrigatorios e non substituíbeis a non ser que coincidan en domingo: 1 de xaneiro, venres santo (29 de marzo de 2024), 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro.

En 2024 haberá un festivo estatal de carácter obrigatorio que coincide en domingo, o 8 de decembro, polo que Galiza propuxo a súa substitución polo 17 de maio, Día das Letras Galegas.