A psicoloxía pide paso nas escolas para atender un malestar emocional en ascenso

A presenza dun psicólogo educativo nos centros de ensino busca dar resposta e minimizar os problemas emocionais do alumnado. (Foto: Nós Diario)
A ratio de alumnado por orientador duplica a recomendación da Unesco.

Nin na Galiza nin no resto de territorios do Estado español é obrigatoria a figura da psicóloga ou psicólogo educativo, un perfil profesional que axudaría a mellorar a prevención e a detección de problemas emocionais en crianzas e adolescentes nos centros de ensino.

Nos últimos anos, en especial, desde o inicio da pandemia en 2020, a saúde mental da poboación infantil e xuvenil deteriorouse. Antes da Covid xa se estimaba que entre 10 e 15% de nenas e nenos e 20% de adolescentes sufría trastornos mentais, con consecuencias que se poden prolongar ao longo de toda a súa vida.

Na actualidade, a poboación adolescente presenta máis ansiedade, síntomas depresivos e condutas suicidas, segundo confirmou en 2022 o Grupo de Traballo Multidisciplinar sobre Saúde Mental na Infancia e Adolescencia, do que son parte a Sociedade de Psiquiatría Infantil, a Sociedade Española de Urxencias Pediátricas e a Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria. A pandemia multiplicou por tres os casos de ansiedade e depresión máis os diagnósticos de TDAH e incrementou nun 59% os comportamentos suicidas.

Atención especializada

Unha suba que non pasa desapercibida nas escolas, onde o malestar emocional do alumnado ten un impacto directo no seu desenvolvemento persoal, social e académico. "A emocións negativas teñen unha repercusión grande no ámbito cognitivo, na capacidade de concentrarse e de aprender. Representan unha dificultade que se pode traducir en fracaso escolar", advirte a Nós Diario Hipólito Puente Carracedo.

O psicólogo educativo e vicedecano do Colexio Oficial de Psicoloxía da Galiza vén de participar nunha xornada organizada pola entidade profesional para reclamar "Psicoloxía na escola xa", como reza o propio título da actividade. Unha demanda que Puente trasladou en persoa ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, co aval do proxecto PsiCE, un estudo experimental con máis de 14.000 estudantes da Galiza máis doutros oito territorios do Estado que busca corroborar os beneficios de sumar un psicólogo educativo á figura do orientador académico xa integrada nas escolas.

O persoal orientador non dá abasto, asegura o psicólogo educativo. "En Primaria hai centros que comparten profesional, ademais de que non sempre son psicólogos –estima un 20%– ou pedagogos". Poden ser de inglés ou de xeografía, "abonda con que aprobasen a oposición".

A Unesco recomenda un orientador escolar por cada 250 estudantes, mais na Galiza a ratio é moi superior. Os institutos máis masificados, con até 1.000 alumnas e alumnos, como o IES Chapela de Redondela ou o Plurilingüe de Ames, están a incorporar un segundo profesional, que a dirección deste último aínda estima insuficiente.

A carga de traballo psicopedagóxico ligado á actividade académica que lles corresponde  impide previr e detectar a tempo casos de ansiedade, depresión ou ideacións suicidas; "problemas subclínicos  presentes nas aulas desde hai moito tempo que ninguén está a atender", sinala Puente, "e que se non se atallan de inicio van derivar en cadros graves que haberá que derivar ás unidades de saúde mental".


"Os problemas subclínicos poden tratarse nas aulas"

O Colexio de Psicoloxía da Galiza reivindica a incorporación do psicólogo educativo a todos os centros de ensino. "Existe a falsa crenza por parte dos que lexislan de que os problemas emocionais deben ser tratados no ámbito clínico. Mais non é certo. A maioría dos problemas de ansiedade, depresión, inseguridade ou baixa autoestima na escola pode atendelas unha psicóloga ou psicólogo, con formación e competencias para detectar, avaliar, intervir ou derivar as crianzas", en contacto co resto da comunidade educativa.