As psicólogas do Sergas exixen máis medios para tratar os efectos da pandemia na saúde mental

Unha sanitaria practica unha proba do virus. (Foto: Clara Margais / DPA)

O persoal sanitario considera que é preciso que a Xunta contrate máis persoal para tratar o impacto da Covid-19 nas galegas e galegos. Está convencido de que as consultas “seguirán a aumentar”.

A Asociación de Psicólogos Clínicos do Sergas (APCS) exixiu onte á Xunta que se aumente a contratación de persoal para as consultas de saúde mental de cara a poder atender o incremento de demanda por parte da poboación a consecuencia da pandemia.

Para o grupo de especialistas do servizo sanitario galego esta demanda é froito dunha “necesidade urxente” porque a estas alturas xa detectaron “un aumento do malestar anímico, con síntomas ansioso-depresivos” na poboación.

Ademais, segundo puido saber Nós Diario pola confirmación de distintas pacientes, moita da xente que estaba a ser tratada na época previa ao coronavirus viu diminuída a súa atención e adiadas sine die citas con psicólogas e psiquiatras sen recibir ningunha explicación nin ter contactos para urxencias.

Todo parece efecto da maior demanda destas profesionais sanitarias e do nulo incremento do equipo no país, que nalgunhas comarcas xa se consideraba escaso sin necesidade do virus e do dano que está a causar na poboación.

O colectivo de expertas e expertos, que entende que as solicitudes de atención “seguirán a aumentar”, incide en que o “tratamento da saúde mental na Galiza é de pésima calidade”, pero na atención psicolóxica a situación é “aínda máis grave”.

Por debaixo da media

“As e os psicólogos especialistas temos unha das rateos máis baixas de toda España, uns tres psicólogos clínicos por 100.000 habitantes, e unha practicamente nula contratación e creación de nova prazas durante os últimos 20 anos”, avisan a través dun comunicado.

Malia que esta situación non é nova, complícase coa Covid-19 porque hai listas de agarda “de máis de seis meses” e unha presión nas atencións que dificulta facer o seguimento “axeitado” de todos os casos que chegan ás consultas. Neste contexto tamén se está a facer un “abuso” de tratamentos farmacolóxicos da poboación “causando una patoloxización de problemas psicosociais” porque hai unidades sen expertas clínicas que poidan decidir outro tipo de tratamento.

“Din que a consecuencias psicolóxicas da Covid-19 aínda están por chegar”, razoan, sobre todo o impacto máis forte porque moita xente xa o está a pasar mal. Un estudo do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) de outubro fala de que máis da metade das persoas enquisadas (un 55%) recoñeceu precisar axuda especializada.

A evolución vai depender dos cambios socioeconómicos pero “durante estes meses xa se está a notar un aumento do malestar anímico, de síntomas ansioso-depresivos”, advirten desde a asociación ao reivindicar que se fagan máis contratos.

Cooperación

Tamén piden ao Sergas unha mellor organización dos equipos. Mesmo con entidades externas como a Cruz Vermella ou o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (Gipce).

“A crise económica que se agarda, a perdida de postos de traballo e poder adquisitivo, e todo o que iso leva, fainos pensar que nos próximos meses os problemas psicolóxicos van aumentar, así como a demanda da súa atención e as listas de agarda que, se xa son longas, aínda o serán máis”, resumen.