Judit Santos, psicóloga: "A utopía pola que traballamos nós, e moita xente, é por unha sociedade equilibrada"

Judit Santos, psicóloga e membro da cooperativa Miudiño (Miudiño)

Asistir a unha actividade da cooperativa Miudiño é mergullarse nun mundo onde natureza e infancia levan todo o protagonismo. A psicóloga Judit Santos forma parte deste proxecto desde a súa fundación xunto a César Freiría, Ambrosio Álvarez e Diego García. A súa achega é unha das menos visíbeis mais non a menos importante. Cre que as pequenas accións facilitan grandes cambios e por ese motivo non dubida en recomendar sacar aprendizaxes de todas as experiencias, mesmo dunha pandemia como a que estamos a vivir.  

Como nace a cooperativa Miudiño e cales son os seus obxectivos?

A cooperativa Miudiño nace no ano 2016 coa idea de achegar á sociedade servizos que relacionasen infancia, natureza e patrimonio cultural. Baixo estes tres alicerces comezamos editando Fíos do querer, o primeiro libro disco de Cé Orquestra Pantasma, e fabricando o noso I Catálogo de Brinquedos Tradicionais. 

Cal e a súa función dentro da cooperativa?

Nós na cooperativa temos moito de multifunción. Para explicalo dunha maneira sinxela podo dicir que eu coordino a editorial e o proxecto de Patios Vivos. Mais logo hai outra parte menos visíbel, de coordinación de equipo, administración, contabilidade, publicidade…

Defínese como "psicóloga optimista e loitadora na procura de crear unha nova sociedade". No optimismo está o camiño para crear esa "nova sociedade"?

Pois penso que si, mais con cautela. Hai unha liña moi fina entre vivir no optimismo tóxico e individualista e un estilo de afrontamento "optimista proactivo" que a grandes trazos sería non negar a realidade que temos nin as emocións que xorden con ela, mais si ter a capacidade de sacar aprendizaxes vitais dos conflitos aos que nos imos enfrontando sen perder a esperanza.

Como debería ser esa "nova sociedade"?

É unha pregunta complexa. A utopía pola que traballamos nós e moita outra xente, porque en todos lados hai proxectos marabillosos, supoño que é por unha sociedade equilibrada. É pasar dun modelo antropocentrista a outro ecocentrista. E a economía é un dos grandes motores dese mesmo cambio. A economía verde, circular, social…todo apunta a que outro tipo de sociedade máis saudábel, sostíbel e igualitaria é posíbel.

Mudou a vosa actividade coa pandemia?  

Si, claro que mudou. Estamos agora a recuperar certa actividade. De súpeto e sen previo aviso, todo parou. As actuacións de Cé Orquestra Pantasma, os espazos de xogo, os obradoiros, os colexios fecharon… Agora estamos a estudar como reinventármonos no mundo virtual, mais sabemos que sen o contacto directo é moi complexo crear unha emoción vinculante coa espectadora ou co espectador. Mais desde logo penso que é unha moi boa oportunidade para enfocar o noso traballo desde outro punto de vista… son novos retos que nos chegan.

Traballan coas crianzas. Que cre que lles quedará desta experiencia que estamos vivindo?  

Pois depende! Cada familia ten a súa realidade e circunstancias, polo que é moi difícil xeneralizar. Non foi o mesmo estar fechadas semanas nun piso pequeno que nunha casa con finca. Non é o mesmo ter adultos tranquilos que nerviosos…

O que sería ideal para nós: que fose recordada coma unha experiencia que supuxo un antes e un despois nas nosas vidas, para ben. Que nos permitise darnos conta da importancia do exterior na nosa vida, da natureza, da biodiversidade, dos ecosistemas sans e autóctonos. Que nos permitise decatarnos da importancia de colaborar entre todos, do comercio pequeno, de proximidade. Que nos permitise reatoparnos coa ética, coa beleza, coa solidariedade. Que fose un punto de inflexión para crear esa nova sociedade na que todas desexamos vivir.