O PSdeG denuncia que a precariedade alcanza 26 por cento do persoal sanitario en Galiza

Torrado, o primeiro pola esquerda, a recoller asinaturas en demanda dun novo centro de saúde para Barro

Julio Torrado, responsábel de Sanidade do grupo parlamentar socialista, únese á campaña en demanda dun novo centro de saúde en Barro.

Torrado mantivo un encontro esta segunda feira cos responsábeis socialistas do concello de Barro, aos que apresentou as propostas do PSdeG para "recuperar a calidade perdida na sanidade pública logo dos recortes drásticos aplicados polo goberno de Feixóo", informou a formación en comunicado de imprensa.

 

Un dos maiores problemas cos que lida a sanidade galega é a precariedade do seu persoal, que Torrado cifrou en 26 por cento, daí que demande un Plan de Persoal que estabilice o emprego neste servizo público. Non pode ser, argumentou o portavoz socialista, que toda a proposta do conselleiro do ramo sexa a de que "é o que hai, hai que traballar por horas e por días".

 

Torrado botou man do último barómetro do CIS —que situaría a sanidade galega entre as "tres peores de España"— para ilustrar a situación, especialmente preocupante en ámbitos como a pediatría ou a atención primaria.

 

As críticas dirixiunas tamén á xestión dos orzamentos por parte da Consellaría, con contas que estarían "trampeadas" segundo tería constatado o propio Consello de Contas, alegou Torrado.