Conmemórano cunha exposición divulgativa

O Proxecto Terra fai 15 anos

O Proxecto Terra festexa o seu décimo quinto aniversario cunha exposición itinerante por Galiza para divulgar a súa labor nos centros educativos, a cal tratou de aportar coñecemento sobre a orografía galega e o seu urbanismo, para mellorar a formación que a cidadanía ten dos espazos que habitamos, dende cativos. Vídeo no interior.

Ao longo deste 15 anos o Proxecto Terra elaborou recursos para a educación primaria, secundaria e infantil. Agora, nesta exposición preséntanse os novos recursos educativos elaborados sobre a paisaxe. De aí xorde o seu título: “PAGUS. Galicia, un país de paisaxes”, exposición que fala do plan elaborado para educación secundaria e “Sabela e as zocas máxicas”, correspondente á educación infantil, que se levarán a cabo en escolas e institutos a partir do mes de setembro, co comezo do novo curso.

Xosé Manuel Rosales, coordenador xeral do Proxecto Terra, conversou co Sermos Galiza para nos debullar o labor deste proxecto nos seus 15 anos de historia: “O Proxecto Terra sempre envía a todos os centros de Galiza, sexan públicos, privados ou concertados, todos os recursos educativos”, di Rosales quen tamén focaliza no concreto destes recursos: “Este ano temos un libro con documentación na que se recollen 15 paisaxes de Galiza, coas que se pretende amosar a diversidade e a realidade territorial do país, introducindo os conceptos básicos que a expliquen.”

As Fragas do Eume, Allariz ou o Caurel son algúns dos lugares de destino aos que tamén se lle suman Guimarães e Porto

O labor pedagóxico do Proxecto Terra nos centros complétase co intercambio de alumnado. Trátase de excursións de dous días que leven o alumnado por diferentes lugares da Galiza e do norte do Portugal, para que deste xeito, e co estudo previo nas aulas, coñezan de primeira man a realidade paisaxística do país. “Nós o que pretendemos transmitir, esencialmente, é que o alumnado entenda que no noso país cos mesmos recursos, os resultados variarán en función de como os xestionemos”, explicou Rosales argumentando a importancia do coñecemento destes recursos á hora de saber como os empregar de xeito sostíbel. As Fragas do Eume, Allariz ou o Caurel son algúns dos lugares de destino aos que tamén se lle suman Guimarães e Porto.

Xosé Manuel Rosales: "Pretendemos que o alumnado entenda que no noso país cos mesmos recursos, os resultados variarán en función de como os xestionemos"

O obxectivo da exposición é visibilizar o traballo que se está a facer nas aulas e expoñer os coñecementos que se inclúen nos recursos educativos, ao tempo que os divulgan a toda a cidadanía interesada. Para unha experiencia maior, a exposición vén acompañada de códigos QR, que permitirán aos máis interesados, ampliar a información mediante os contidos que están actualizados na páxina web do proxecto: proxectoterra.coag.es

A exposición foi inaugurada xa o día 6 de xuño na Coruña e chegou a Santiago de Compostela o día 20, onde estará até o 27. De Santiago a exposición itinerará cara Pontevedra. Alí estará do 28 de xuño ao 4 de xullo. Logo irá a Vigo, do 5 ao 11 de xullo; a Ourense, do 12 ao 18 de xullo; a Allariz, do 19 ao 26 de xullo e a Lugo onde estará do 27 de xullo ao 2 de agosto.