Rodas, botellas, roupa... Máis de 8 toneladas de lixo recollidas nas augas galegas polo 'Proxecto Ríos'

Verteduras achadas no río Tea, en Ponteareas. (Foto: Proxecto Ríos)
Perto dun milleiro de persoas participaron na actividade de limpeza simultánea organizada por Adega en 41 concellos.

A XV Limpeza Simultáneas do Proxecto Ríos de Adega concluíu o pasado domingo coa participación de 918 persoas, segundo informou a asociación ecoloxista esta quinta feira a través dun comunicado.

Na xornada, decorrida de forma paralela en 41 municipios do país, participaron 62 entidades entre fundacións, centros de ensino, concellos e outros organismos, con presenza tamén dunha multitude de crianzas.

"Limpáronse grandes ríos e tamén pequenos regatos, pero todas e todos tiñamos o mesmo obxectivo: coidar os nosos ríos e concienciar á sociedade da necesidade de que estean ben conservados", apuntaron desde Adega.

Na limpeza simultánea deste ano recolléronse até oito toneladas de refugallos moi variados, con especial presenza dos plásticos. "Botellas, garrafas, bolsas, sacos... Atopámonos con verteduras de rodas de automóbiles, cristais e latas; tamén pilas, restos de madeira, móbeis, ferralla, un valado de sinalización, entullos; retiráronse uralitas, roupa, calzado, etc.", lamentaron.

As máscaras e as toalliñas húmidas tamén abondaron na recollida de lixo. "É preciso reflexionar sobre o uso destes artigos, e aínda máis sobre o lugar que empregamos para desfacernos deles, xa que ao tiralos polo retrete rematan nos nosos ríos contaminando bacías e ribeiras", dixeron deste o colectivo.

Porén, Adega lembra que o voluntariado ambiental "non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración", senón que constitúe "unha masa de xente que axuda a concienciar á sociedade".

Proxecto Ríos é unha iniciativa promovida por Adega desde 2005 e financiada por Augas da Galiza e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, e este ano sumáronse novos concellos, asociacións culturais, xuvenís, ecoloxistas, centros de atención á diversidade, scouts e outras entidades.