A USC logra a floración dos primeiros exemplares dunha planta ameazada en Corrubedo

Exemplar de 'Iberodes littoralis'. (Foto: Xunta da Galiza)

Iberodes littoralis forma parte dun proxecto que desenvolve a USC no parque.

Xa floreceron os primeiros exemplares de Iberodes littoralis, unha planta ameazada, no Parque Natural Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán.

Esta especie atópase baixo estudo dun proxecto que desenvolve a Xunta da Galiza en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Para chegar a esta fase, o equipo da USC, coa colaboración sobre o terreo de persoal do Parque, repoboou un total de 20 parcelas duns 3 metros cadrados de superficie cada unha en base a uns estudos previos que permitiron realizar unha selección das áreas máis idóneas para o desenvolvemento da especie.

A floración dos exemplares da especie reintroducida supón "un grande avance" para a recuperación dunha planta que pode considerarse "un dos elementos máis carismáticos" da biodiversidade do sistema dunar do parque.

Próximos pasos

Brotaron ao redor do 30% das sementes plantadas e que floreceron moitos dos exemplares. O seguinte paso deste proxecto consistirá en comprobar a capacidade das novas plantas para producir sementes viábeis que fechen o ciclo biolóxico da especie e aseguren a permanencia na contorna.

Hai que lembrar que o último rexistro que se tiña desta especie databa do ano 2007, cando foran localizados pouco máis de 120 exemplares.

O Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán ten unha grande importancia na preservación do medio ambiente, ao ser unha das principais zonas dunares da Galiza. De feito, alberga a maior duna móbil do noroeste da península. Ademais, é fundamental o seu papel como receptor de aves migratorias e como zona de reprodución e invernada das mesmas.