Presentacións

O proxecto para un diario galego visita Ordes e Fene

Un dos actos de presentación do diario.

Ordes e Fene son os concellos que visitaremos esta semana para presentarmos o proxecto de Sermos O Diario Galego, o xornal en papel que preparamos para 2019. Contamos coa túa asistencia para tomarmos nota das suxestións e propostas que nos realices e para che resolver todas as túas dúbidas.

Conta atrás nos actos de presentación do proxecto para a saída de Sermos O Diario Galego. Se a semana pasada visitabamos Noia e Cee, na semana que comeza faremos o propio en Ordes e Fene.

 

A cuarta feira, día 21, presentaremos en Ordes o proxecto, nun acto convocado pola Mesa pola Normalización Lingüística que terá lugar ás 20 horas no salón de plenos dos baixos da Alameda e que contará coa intervención de Xoán Costa, presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza, S.A.

 

A quinta feira, día 22, viaxaremos a Fene, onde se desenvolverá o acto a partir das 19.30 horas no local da asociación veciñal de Perlío. Convocada por Medulio, a presentación contará coas intervencións de Elia Rico, presidenta da sociedade cultural; Francisco Rodríguez Sánchez, historiador e crítico literario, e Nicolasa Castro, integrante do Consello de Administración de Sermos Galiza, S.A.

 

Última semana de novembro

 

Na última semana de novembro, realizaremos as últimas presentacións do proxecto para a saída de Sermos O Diario Galego en Sarria (segunda feira, día 26, no centro recreativo A Unión, ás 20 horas, convocado pola Fruga), Pontevedra (a terza feira, día 27, na Casa da Luz, nun acto convocado pola Asociación Cultural Maio Longo e Boiro (a quinta feira, día 29).

 

Suman máis de medio cento os lugares que acolleron actos de presentación para a saída de Sermos O Diario Galego nos últimos meses. Foron convocados por asociacións do ámbito cultural, social, veciñal e lingüístico co fin de poñer en coñecemento das galegas e galegos o proxecto, para resolver dúbidas e para recoller propostas co fin de facer da iniciativa unha realidade en 2019. Para logralo, seguiremos sumando apoios até o 31 de decembro. Axúdasnos a conseguir os 3.000?