O Proxecto Cárcere gaña a xestión da antiga prisión da Coruña

Tono Galán, un dos impulsores do Proxecto Cárcere.

O Proxecto Cárcere, unha plataforma cidadá nacida hai sete anos para recuperar o edificio da vella prisión provincial da Coruña, será o encargado de xestionar o cárcere durante un ano mediante un convenio co Concello da Coruña, despois de resolta a convocatoria pública segundo anunciou esta tarde en Radio Coruña o concelleiro de Rexeneración Urbana, que non especificou cantas propostas concorreron.

O vello cárcere da Coruña estará aberto e acondicionado nunha parte para usos públicos “antes de que acabe o ano”, e o Proxecto Cárcere, plataforma cidadá que agrupa a distintos colectivos que levan anos denunciando o abandono do edificio e elaborando propostas para a súa recuperación, será quen xestione o espazo e se encargue “de xerar vida cultural, social e sociocomunitaria” unha vez resolta a convocatoria do Concello, segundo avanzou Xiao Varela, concelleiro de Rexeneración Urbana, que estivo vinculado á plataforma até 2011.

 

Despois do anuncio, os representantes do Proxecto Cárcere que mantiveron o contacto co Concello desde que hai tres meses se lanzara a convocatoria decidiron non facer manifestacións. "Non temos comunicación oficial", indicou unha fonte, "pero estamos desexando que se poida estar alí libremente".  

 

As bases da convocatoria establecen unha cesión gratuíta durante un ano da xestión dos usos do cárcere -que o Concello, pola súa banda, recibiu mediante unha cesión provisional de dous anos da SEPI (Sociedade de Infraestructuras y Equipamientos Penitenciarios)-. Haberá unha “comisión mixta”, do Concello e do Proxecto Cárcere, para facer o seguimento dos acordos, que inclúen un modelo de gobernanza que “garanta a máxima participación e pluralidade” e unha reserva dun mínimo “dun 40% dos contidos da programación” para actividades relacionadas coa memoria histórica e outras “que non teñan lugar noutros espazos da cidade con carácter regular”.

 

Xiao Varela sinalou que o Concello xa tramitou todos os permisos e que a semana próxima podería estar resolta á adxudicación das obras, que empezarían a finais de setembro. A rehabilitación da parte do edificio que se abrirá debería empezar a finais de mes. Varela explicou que o cárcere abrirase en “condicións precarias, pero seguras”. 

 

“Despois da paréntese do goberno Negreira, é alentador comprobar como as políticas de memoria histórica se reactivaron de novo na Coruña e contan cun amplo respaldo político e social”, opinou Fernando Souto, presidente da CRMH da Coruña, unha das entidades que fan parte do Proxecto Cárcere. “Felicitamos ás persoas que lideran este proxecto, que con paciencia e constancia conseguiron que se abra o cárcere á cidadanía, e seguiremos botando unha man no que poidamos para que o espazo teña unha fonda pegada de recuperación da memoria das vítimas da guerra e da ditadura”.

 

O cárcere da Coruña, inaugurado en 1927, foi presidio até 1999. Despois albergou un centro de inserción e no ano 2009 pechou definitivamente. Para frear o deterioro e conseguir un espazo de uso público no barrio de Monte Alto, a carón do paseo marítimo, o Proxecto Cárcere púxose en marcha en 2010, lanzou un plan de viabilidade no 2011 e un manifesto de alerta polo ruína do edificio no 2013. “Cada vez que se abriu este espazo suscitou moito interese, téndose rexistrado achegas a el con respecto e con propostas”, lese na documentación presentada agora á convocatoria municipal. Así sucedeu, por exemplo, nunhas xornadas en xuño de 2011, en medio do traspaso de poderes no goberno da cidade. “Aquilo serviu para que a xente acudira, moita por recordos, e por outras necesidades, e houbo oitenta propostas, daquela había menos partes pechadas…  A xente é a que deu a forza, aquilo estivo petado os tres días”, apuntaba Tono Galán, un dos impulsores do Proxecto Cárcere hai unhas semanas a Sermos Galiza. 

 

Agora, o Proxecto Cárcere, con xente e colectivos que se foron incorporando polo camiño, terá a ocasión de abrir o espazo e organizar a actividade nel, cando menos 104 días no primeiro ano e catro horas ao día, o mínimo contemplado nas bases iniciais da convocatoria. A cuestión burocrática parece resolta, quedan por precisar os usos. “Trátase de crear unha asemblea que organice, decida e coordine. Decidirán aqueles que participen do espazo, dalgunha forma iso fai que te responsabilices e compartas esa responsabilidade. O exemplo é o das mancomunidades de montes. A longo prazo, gustaríanos chegar aí, cunha forma xurídica recoñecida. Nin público nin privado, senón mancomunado”, resumía aquí Laura Sánchez a finais de xuño.

 

Fotografías dun dos patios interiores do cárcere e do concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela.