As proxeccións en Compostela son “liberdade de expresión”

Proxección na rúa Concheiros de Compostela

O alcalde de Santiago desminte as informacións dun xornal da capital e asegura que non houbo “denuncias formais” polo contido das mensaxes.

Cando comezou o confinamento en moitas vilas e cidades galegas semellaba que tamén quedaba fechada a posibilidade de expresarse en público. Case por casualidade xurdiron iniciativas en varios lugares do país que tiñan en común a plataforma pola que chegaban á xente. Cidades como Compostela ou Vigo, mesmo en vilas como O Porriño empregaban as paredes de edificios e unha proxección como canle de expresión aberta.

En Compostela a iniciativa levárona desde a rúa Concheiros, no barrio de San Pedro, a escola Unitaria. Cada noite, logo dos aplausos en agradecemento ao persoal da sanidade pública, mensaxes de todo tipo enchen a fachada dun dos edificios. Con retranca e humor tratáronse estes días temas que van desde a política á relixión.

Hai uns días o xornal da capital comezou unha cruzada contra esta actividade pedindo a actuación policial polas “denuncias” realizadas por veciñas e veciños. Esta segunda feira o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, desmentía esta circunstancia preguntado por Nós Diario.

“Non hai ningunha denuncia formal, se alguén entende que hai unha violación dos seus dereitos, o que debe facer é formular a denuncia correspondente”, explicaba. Deixaba o asunto “nunha anécdota” e sinalaba que “o exercicio da liberdade de expresión debe ser respectado”.