O TSXG suspende o despexo de Elisabeth Sanlés até nova data

[Imaxe: Maia]

Malia o comunicado enviado á imprensa desde o Superior galego, activistas de Stop-despexos ficarán na casa desta veciña da Coruña. Advirten de que a nota de imprensa "non ten forza legal" e que tamén no caso da anciá Aurelia Rei fora paralizado o desafiuzamento. Porén, funcionari@s xudiciais presentáronse no lugar unhas horas máis tarde para executar o lanzamento.

 

"Suspendido até nova data". Así ficou esta terza feira o despexo da veciña da Coruña Elisabeth Sanlés, fixado para as 10.30h da mañá. Unha funcionaria e dous funcionarios xudiciais presentáronse no inmoble, ubicado no nº30 da rúa Antonio Noche, no barrio do Castrillón. Porén, a esa hora eran por volta de cen as persoas que se amoreaban diante da porta e que lle impediron achegarse até ela con berros de 'Fóra! Fóra!'.

Após pedir apoio policial para o lanzamento, un comunicado do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza remitido ás 12h aos medios de comunicación informou de que a orde ficaba suspendida porque o persoal do Servizo común de notificacións e embargos así o decidiu "ante a imposibilidade de acceder á vivenda". Acrecenta o Superior galego que "de momento non hai sinalada nova data". 

Con todo, desde a plataforma cidadá Stop-despexos A Coruña informaron de que o mesmo procedemento foi realizado no caso do desafiuzamento de Aurelia Rei. Tamén o TSXG paralizara a orde, mais cando @s activistas que impediran o lanzamento á hora sinalada comezaron a marchar, persoal dos xulgados presentouse no lugar para botar a anciá da casa. A presión social e a negativa de dous bombeiros a cortar a cadea que freaba o acceso ao portal paralizou o despexo por segunda vez na mesma mañá. 

Así as cousas, após consultar cun avogado, advertiron de que o comunicado "non ten forza legal" e que seguirán na vivenda de Elisabeth Sanlés para evitar que se repita o acontecido con Aurelia Rei. Entre @s manifestantes estiveron presentes o concelleiro do Bloque na Coruña Xosé Manuel Carril e o deputado da mesma formación política Francisco Jorquera. 

Enferma de fibromialxia

Elisabeth Sanlés convive desde hai tres anos e coas súas tres crianzas no inmoble do que agora queren botala. No desemprego desde agosto de 2012, só puido afrontar desde aquela dúas mensualidades e media máis dos 400 euros que lle cobra o propietario, emigrado en Suiza e que puxo contra ela unha denuncia por impago. Unha sentenza dalle a razón ao caseiro, polo que o lanzamento da muller estaba fixado para esta terza feira.

Cos 216 euros mensais que cobra do subsidio por desemprego ten que se manter ela, as tres crianzas e pagar facturas e aluguer. Desde o Concello consideran que esta veciña do barrio do Castrillón non se atopa en risco de exclusión social, malia que unha providencia ditada polo xuíz de instrución --que lle foi comunicada á concellaría de Servizos Sociais e á consellaría de Vivenda-- si advirte da "vulnerabilidade flagrante" que achou na súa situación.

Foi en xullo cando Elisabeth entrou en contacto con Stop-despexos. Desde o IGVS, o Instituto galego de vivenda e solo, chegaron a lle ofrecer hai varios anos ''leva 11 reclamando unha vivenda de protección oficial-- un piso en aluguer social. Porén, viuse na obriga de a rexeitar e procurar por outra. A muller está enferma de fibromialxia e o inmoble que dispoñibilizaban para ela era un cuarto andar sen ascensor.