A Coruña (re)vólvese contra o desafiuzamento de Elisabeth Sanlés

[Imaxe @RecursosGZ]

A plataforma cidadá Stop-Desafiuzamentos Coruña convoca unha "concentración de resistencia" a partir das 09.00h para evitar que se leve a cabo o despexo. Elisabeth ten 3 crianzas e percibe 216 euros ao mes. O Concello da Coruña considerou que non está en risco de exclusión social. Os tribunais autorizaron o desafiuzamento fixado para esta terza feira.

 

Para a administración local non existe risco de exclusión social no caso de Elisabeth Sanlés, por iso declinou activar  o Convenio para a detección e axuda de personas en situación de especial vulnerabilidade ou de risco de exclusión social en Galicia cando estean inmersas en lanzamentos xudiciais; o que evitaría o seu despexo.

Con tres crianzas e uns ingresos de 216 euros mensais, en agosto de 2012 informou que sería incapaz de afrontar o pagamento do aluguer. Após ser denunciada polo propietario do inmoble, os tribunais déronlle a razón ao caseiro e Elisabeth será desafiuzada.

O despexo está previsto para esta terza feira ás 10.30h polo que Stop-Desafiuzamentos A Coruña convocou unha "concentración de resistencia" a partir das 09.00 horas coa que procurarán evitar que Elisabeth e as dúas tres crianzas fiquen sen morada. 

Esta segunda feira foi paralizado o despexo dunha muller e dúas crianzas en Cabanas (Ferrol)

Aliás, esta segunda feira comezarán unha vixilia a partir das 20.30h no portal. Desde o colectivo lanzan un chamamento a todas as organizacións e colectivos da cidade a se sumaren aos protestos para frear o despexo e apelan á "vaga de solidariedade" amosada en casos semellantes que finalmente conseguiron frear o desafiuzamento dunha familia en Cabanas (Ferrol). 

Frean temporalmente o despexo en Cabanas

Neste caso a mobilización de ducias de persoas ás portas da vivenda --entre as que se atopaban integrantes de Ve-la luz e Stop-Desafiuzamentos, evitaron que un funcionario dos xulgados executase a orde de despexo, embora este puider efectivizarse nas vindeiras horas, asegurou o propio funcionario. 

Desde Ve-la luz denuncian que non se estea a protexer á muller malia que existen denuncias por violencia machista e critican o mal funcionamento do xulgado de Narón nesta materia do que din "está a fallar como unha escopeta de feira".