O protocolo do lecer nocturno inclúe un nivel para situacións graves con só terrazas e clientes sentados

A Garda Civil vixía as medidas de seguridade nos locais de lecer nocturno de Sanxenxo. Imaxe de arquivo. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
O protocolo recibiu luz verde do comité clínico mais non poderá poñerse en marcha até que o TSXG valide as medidas relativas ao certificado Covid-19,

O protocolo do lecer nocturno, que recibiu luz verde do comité clínico mais non se poderá poñer en marcha até que o TSXG valide as medidas relativas ao certificado Covid-19, inclúe un terceiro nivel (do mesmo modo que a hostalería) para activar no caso de que a situación epidemiolóxica adquira gravidade. Nese caso, só poderán abrir as terrazas até o 50%, cos clientes sentados en mesas e até a 1 da madrugada.

Este terceiro nivel extraordinario estaría vinculado a unha eventual gravidade da situación epidemiolóxica e da ocupación asistencial dos centros sanitarios galegos. Só sería aplicábel no caso de que o decidisen as autoridades sanitarias (non como os niveis que rexen en xeral e que dependen do grao de cumprimento de medidas de seguridade dos establecementos).

Cada local poderá adherirse a un dos dous niveis recollidos no protocolo, que proporcionan máis aforo e máis horario no caso de máis seguridade nos seus requisitos. A principal diferenza entre ambos os dous é o curso de formación dos empregados, que será de catro horas para adquirir as dúas ' cunchiñas', e a petición da certificado Covid-19 -vacinación, proba negativa ou recuperación da enfermidade-.

Este protocolo pretende ser un "marco estábel" para o sector, con niveis de compromiso que son independentes da situación epidemiolóxica, como no caso da hostalería, e salvo o caso de risco extremo.

No nivel 1 de compromiso, polo que se recibe unha ' cunchiña', establécese o aforo actual -50% en interior, 75% en exterior- e o horario límite de 3 da madrugada. O persoal traballador deberá realizar un curso formativo de dúas horas de duración.

No nivel 2 de compromiso, polo que se reciben dous ' cunchiñas', fíxase unha capacidade máxima do 75% no interior e do 100% nas terrazas. Para acceder aos locais é preciso o certificado (pendente de aval do TSXG) e o horario límite será ás 4 da madrugada. O persoal terá que realizar un curso de 4 horas de duración.

De forma xeral, deberanse cumprir o conxunto das medidas hixiénico-sanitarias establecidas, como son o uso obrigatorio da máscara, manter a distancia de seguridade, garantir a desinfección e limpeza periódica do local e a renovación do aire e control dos niveis de CO2. O cumprimento das medidas do novo plan serán supervisadas polos inspectores da Dirección  Xeral de  Saúde Pública.

Distancias

O mesmo documento marco inclúe a distancia de seguridade de 1,5 metros entre persoas pero indica que non será obrigatoria, algo que si afecta ao resto de medidas. É un asunto a perfilar, dado que o certificado Covid pode actuar como elemento de substitución nun contexto no que as garantías da distancia interpersoal son complexas. O 'pasaporte', no caso de obter a aprobación do TSXG só afectará ao nivel 2 de seguridade.

Malia todo, Sanidade entende que, na medida do posíbel, o empresariado galego deberá buscar o cumprimento de distancias para reducir os contaxios.

Nun primeiro momento non estará activo, pero o plan integra un terceiro nivel para activar se a situación epidemiolóxica vai a peor. Nese caso as terrazas quedarán ao 50% da súa capacidade, cos clientes sentados nas mesas e horario até a unha da madrugada.

Críticas desde Fesdiga

Unha vez coñecidas estas pautas, o presidente da Federación Galega de Empresarios de Salas de Festa e Discotecas (Fesdiga), Samuel Pousada, resaltou que o sector está "indignado e ofendido" por entender que a Consellaría ten unha "falta de sensibilidade e respecto" ao ámbito do lecer nocturno.

"Convócannos a correr o día anterior a unha reunión moi importante, xa que presenten elaborar e consensuar o novo protocolo", lamentou Pousada sobre a falta de tempo para prepararse, pois tampouco recibiron un borrador para levar revisado. Así entenden que a Xunta non quixo un acordo senón unha "imposición á forza" das medidas.

"É unha vergoña que non teñamos nin uns días para poder lelo, estudialo, consultalo cos socios afectados, e poder opinar e facer alegacións", resumiu, mesmo considerando que a pauta de Sanidade "pretende fomentar o botellón".