“O protocolo da Xunta para o inicio de curso é temerario e inviábel”

Representantes dos sindicatos CCOO, CSIF, CIG e UXT.

Os sindicatos da Mesa Sectorial chaman a toda a comunidade educativa a mobilizarse para negociar un novo protocolo para o curso 2020/21

 “Presencialidade si, pero non así. Queremos seguridade e non diminuír a calidade do ensino. O protocolo presentado pola Xunta é inviábel e  temerario e atenta contra a saúde, a calidade do ensino e a innovación pedagóxica”.   Así de rotundos se mostraban os sindicatos con representación na Mesa Sectorial de Educación, por boca do secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, un día despois de decidir abandonar a reunión na que se ía abordar o Protocolo para o desenvolvemento do vindeiro curso escolar elaborado pola Consellaría de Educación.

Un protocolo que desbotan non só a representación do profesorado senón que tamén inza de dúbidas e preocupacións as Anpas.  “Con este protocolo, no que a Consellaría demostra que concibe a educación como un gasto e recorta todo o que pode nela, a administración lávase as mans e delega toda a responsabilidade nos equipos directivos e no profesorado, que serán os encargados de ter todo preparado para o inicio do curso o 10 de setembro”, explicou Bermello.

CIG-Ensino, CCOO, ANPE e UGT coincidiron en destacar que o persoal docente “terá que facer de todo menos dar clase, que é realmente o seu labor

Os sindicatos consideran que o protocolo é inviábel tanto polos prazos para a súa aplicación como polo que implica de incremento de burocracia, labores de vixilancia e supervisión do alumnado, tarefas de desinfección e adaptación pedagóxica ás novas esixencias na aula.

Neste sentido, os representantes sindicais da CIG-Ensino, CCOO, ANPE e UGT coincidiron en destacar que o persoal docente “terá que facer de todo menos dar clase, que é realmente o seu labor".

As críticas, que a plataforma de familias comparte coa representación docente, apuntan, entre outras cuestións, á distancia interpersoal que a proposta da Xunta estabelece dentro das aulas, dun metro, "absolutamente insuficiente" e que, segundo advirtiu Anpas Galegas, bate coa exixencia que o mesmo documento estabelece para as salas do profesorado, de 1,5 metros. 

Mobilizacións

Os sindicatos chaman a toda a comunidade educativa a se mobilizarse este mes de xullo, no que prevén dúas concentracións fronte ás dependencias da Consellaría en San Caetano, para os días 22 e 28.

Así mesmo, reiteran que con este protocolo, se a Xunta non amosa a súa vontade de negociar outra proposta viábel, o curso non pode comezar con normalidade o 10 de setembro e chamarán de novo a toda a sociedade galega a opoñerse ao seu desenvolvemento desde o propio día 1.