O protesto de ducias de estudantes impide a Feijóo inaugurar un curso na USC

@comites_compos

Máis dun cento de universitarios recibiron o presidente con berros contra a privatización do ensino ou “fóra fascistas da USC”. O reitor lamentou o que cualificou de “incidentes”.

 

Varias ducias de estudantes concentráronse desde primeira hora da tarde ás portas da Facultade de Matemáticas da Universidade de Compostela (USC), lugar onde ía decorrer a Conferencia de Matemáticas de España que ía ser inaugurada por Núñez Feijóo. Con cartaces e lemas contra os recortes na educación ou contra a presenza do presidente galego este cento de persoas mostrou o seu rexeitamento á asistencia de Feijóo.

O presidente autonómico e o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, ficaron no exterior da facultade, optando finalmente por marchar sen inaugurar o curso. A decana de Matemáticas, Victoria Otero, convidou as persoas que protagonizaron a protesta a que explicasen os motivos da mesma e a súa actitude, segundo recolle La Voz de Galicia. As e os estudantes leron un escrito, subscrito por unha ‘asemblea de estudantes’ e na que se criticaba a LOMCE e os recortes.

Juan Viaño, reitor da USC, lamentou os “incidentes”, sinalando que “non os esperaba”. Xa sen a presenza de Núñez Feijóo, a Conferencia de Matemáticas decorreu con normalidade.