Protestas ante a Xunta contra unha Planta de Gas en Santa Comba

Protesta ante a Xunta

A veciñanza do lugar de Mourelle desprazouse até San Caetano, onde solicitou do goberno galego que impida unha instalación nunha contorna natural e “moi preto das casas”.

Veciñ@s de Santa Comba marcharon este sábado até Compostela para protestar ante a Xunta de Galiza contra a instalación dunha planta de gas no lugar de Mourelle, “a escasos 40 metros das casas” e nunha contorna natural.

Cunha faixa na que se lía “Non á planta de gas ao carón das vivendas”, @s veciñ@s berraron ante San Caetano contra a instalación desta factoría, facendo ruído e con lemas como “Alcalde, escoita aos veciños” ou “Gas Galicia non respecta o noso agro”.

En declaracións á axencia Europa Press, o presidente da asociación cultural para a defensa da contorna natural de Mourelle, Xosé Luís Pazos, explicou que acudiron até Santiago para “solicitar aos políticos que gobernan que axuden para cambiar a ubicación da planta que Gas Galicia pretende instalar”. “Consideramos que non é o sitio adecuado, que hai outras alternativas e pedimos que interveñan para facer reflexionar á empresa e que busquen unha nova ubicación na que non exista ningún tipo de perigo para as persoas”, reclamou Pazos.