Protestas en Vigo contra a construción dunha vía de alta capacidade

Veciñanza e organizacións ecoloxistas de Vigo protestan pora construción dunha vía de alta capacidade (Foto: Avibe).
Unha concentración, apoiada pola Plataforma de afectados polo viario de Beade (Avibe) e varias organizacións ecoloxistas manifestouse na Praza América de Vigo contra PO-010 A Balsa-Baruxáns. 

Veciñanza das poboacións viguesas de Castrelos,Castrel Beade, Bembrive e Sárdoma manifestáronse este sábado en Vigo para denunciar as consecuencias que podería provocar no rural vigués o tramo do vial de alta capacidade PO-010 A Balsa-Baruxáns.

Contaron para a ocasión co apoio da Plataforma de afectados polo viario de Beade (Avibe) e organizacións ecoloxistas como Adega, Amigos da Terra ou Greenpeace,

Ducias de persoas, baixo o lema "Salvemos o rural de Vigo", situáronse nos pasos de peóns da Praza de América para demandar a viandantes e condutores "que tomen partido para axudarlles a protexer a pouca natureza que queda á cidade", segundo indicou Avibe.

As entidades convocantes buscan o apoio da cidadanía viguesa para concienciar sobre o que son "os beneficios de conservar a biodiversidade e o rural", facendo fincapé nos "custos ambientais e sociais irreversíbeis" que a iniciativa do vial tería sobre o rural vigués.

Ademais, desde a propia plataforma de afectados apuntaron que esta estrada "favorecería a entrada masiva de vehículos na cidade".

Ana Pascual, portavoz de Avibe, manifestou durante o acto que o rural e a biodiversidade dos arredores da cidade olívica "son vitais para a saúde ambiental do Concello".

A activista insistiulle ás viguesas e aos vigueses que lles "axuden a protexer a pouca natureza que nos queda e que lle digan connosco ao Concello que non ten sentido insistir en construír unha estrada que non é necesaria".