Protestas en medio cento de concellos marcan a volta ás aulas
Centros educativos de Infantil, Primaria e Secundaria de máis dun cento de concellos expresaron nos primeiros días do novo curso académico o seu malestar polas condicións en que abriron as aulas a máis de 300.000 estudantes.
Canda o profesorado, as familias foron as primeiras en alzar a voz contra os recortes de docentes, a falta de especialistas en atención á diversidade, a negativa da Consellaría de Educación a incorporar persoal coidador ante o aumento de estudantes con necesidades especiais ou as carencias nos equipos de orientación.
As súas denuncias ilustran con exemplos concretos as demandas que o sindicato maioritario no ensino galego xa trasladou ao Goberno galego. A CIG-Ensino pide "rectificar, recuperar e recoñecer": rectificar unha política educativa marcada polos recortes, a burocracia e un acordo de melloras "pactado cunha minoría sindical que non supuxo avances nin na calidade educativa nin na dignidade" do profesorado; recuperar os dereitos e condicións de traballo dos docentes, e recoñecer a súa función "favorecendo as tarefas propiamente didácticas, facilitando desdobramentos e medios para atender a diversidade".
Son os tres eixos dunha campaña "de loita" que comezou a finais do curso pasado e que este sábado retomará cunha manifestación en Santiago de Compostela na que conta reunir o profesorado, as familias e o alumnado que esta semana advertiron duns recortes que complican o desenvolvemento do curso.
A perda de docentes e a carencia de profesorado especialista en Audición e Linguaxe (AL) e Pedagoxía Terapéutica (PT) centra a maioría das protestas. É unha demanda común a centros das comarcas da Coruña, Bergantiños, Arzúa, Pontevedra, Lugo, Compostela, Fisterra, O Condado ou O Ribeiro.
Recortes
Desde a CIG-Ensino denuncian que este ano a Consellaría de Educación multiplicou as medias xornadas a respecto de cursos pasados e a oferta de prazas "con dúas afíns" co obxectivo de "aforrar tres especialistas diferentes". Así, o CEIP Monte dos Postes de Santiago reclama dous especialistas en PT e un en AL para atender o alumnado con necesidades máis graves e permanentes.
Desde Noia, o CEIP Rodríguez Cadarso urxe a recuperar un docente de Primaria e outro para Inglés, así como persoal coidador propio para atender o alumnado con discapacidade e dependencia que agora lle obrigan a compartir co IES San Alberto. Tamén en Secundaria, o IES de Catabois (Ferrol) denuncia a perda de tres docentes con destino definitivo para ter un só coas tres especialidades de forma provisional –Economía con afín Tecnoloxía e Música–.
Hai centros con vacantes sen cubrir en moitas comarcas, outros continúan en obras (IES Lucus Augusti de Lugo), algúns abriron as portas sen conserxe (CPI de Cea), tamén sen persoal de orientación (CEIP A Carballeira de Pontevedra), os máis, en zonas urbanas, con ratios desorbitadas, e no rural, con agrupamentos que urxen docentes de reforzo (CEIP do Páramo).
A Xunta rexeita o recurso da USC polo Mestrado en Matemáticas
A Xunta da Galiza vén de desestimar o recurso de alzada presentado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) contra a resolución da Secretaría Xeral de Universidades pola que se denega a declaración de singularidade do Mestrado en Matemáticas desta institución. A decisión do Goberno galego pon fin á vía administrativa e abre a porta a continuar o procedemento pola xudicial.
Para a plataforma en defensa do Mestrado en Matemáticas, o escrito desestimatorio presume dun "trato de favor" por parte da Consellaría cara ao mestrado nos últimos anos, ao tempo que "culpa o profesorado" da Facultade de Matemáticas de falta de iniciativa para mellorar o programa. Ademais, o texto "cambia a versión" ofrecida polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, en sede parlamentaria sobre as condicións exixidas para obter a singularidade, salienta.
Na súa exposición de motivos, afirma a plataforma, o Executivo galego amosa "ignorancia" sobre o sistema investigador e sobre a "natureza" do programa que a USC xa non inclúe este ano na súa oferta. Segundo destaca, os argumentos da Xunta "negan a excelencia académica da facultade" e buscan enfrontar distintas áreas do centro.
A plataforma recalca o seu malestar e anuncia mobilizacións para que a USC defenda o mestrado e acuda á vía xudicial.