A protesta non cesa: milleiros de persoas en Vigo pola sanidade pública

Manifestación pola sanidade pública esta quinta feira en Vigo. Foto: @En_Marea

Malia o boicot dos medios público e dos oficiosos, a protesta cidadá contra o deterioro da sanidade pública non cesa. Milleiros de persoas volveron desfilar esta quinta feira polas rúas de Vigo “pola dignidade” do sector.
 

A dimisión, o pasado decembro, de 25 dos 31 xefes de servizo da área sanitaria viguesa detonou o enorme malestar de profesionais e usuarios a respecto dunha década de recortes e reoganización neoliberal da materia. Os sucesivos gobernos de Feixoo así a enfocaron e agora os conflitos emerxen por todas partes e en múltiples ámbitos.

 

“A poboación da área sanitaria de Vigo, a que máis riqueza crea en Galiza, é a que peor sanidade recibe por non ter os recursos estruturais públicos nin en atención primaria nin en hospitalaria para cubrir toda a poboación”, dicía o manifesto que leu, ao final da protesta, a sindicalista María José Diéguez.

 

Cunha pancarta que rezaba Pola dignidade da sanidade pública, os manifestantes esixiron “non máis recortes” e “máis persoal”. A responsabilidade política da Xunta e Núñez Feixóo -ideólogo da viarada neoliberal da xestión sanitaria- foi outra das reclamacións que presidiron a marcha.

 

“Esiximos a inmediata apertura dunha mesa de negociación na que se recupere a xerencia de atención primaria e un aumento da dotación económica para incrementar a dotación de persoal”, consideraba o manifesto.

 

Á manifestación asistiron os líderes de En Marea -Luís Villares- e PSdeG -Gonzalo Caballero- e mais o deputado do BNG Luís Bará