Protesta do IES da Rabadeira, en Oleiros, contra as medidas da Xunta para a volta ás aulas

Protesta do IES da Rabadeira, en Oleiros, contra o inicio do curso, tal e como o xestiona a Xunta.
Persoal do centro de ensino da Rabadeira, en Oleiros, representou esta sexta feira diante do instituto a súa oposición ás medidas coas que a Consellaría de Educación xestiona o inicio de curso nas actuais condicións sanitarias.

Profesorado e persoal non docente denuncian a escaseza de medios deste centro, o mal estado das súas instalacións –que teñen 53 anos e, segundo advirten, aulas moi pequenas– ou a alta carga horaria docente, ademais das dificultades que se viven no comedor, que xestiona a Xunta, ante a falta de persoal.

A comunidade educativa reivindica ademais unha diminución das ratios e distancia de seguridade en todas a etapas educativas, "e polo tanto máis seguridade nas aulas".

No acto de protesta, que prevén continuar cada sexta feira, o profesorado leu un manifesto no que expuxo as necesidades que a Xunta non está a cubrir.