Protección para os servizos de proximidade

Os servizos municipais prestan atención de proximidade, como a axuda no fogar ou de comidas (Europa Press).
A escaseza de material sanitario de protección bate en todos os servizos, tamén os municipais, que prestan unha atención de proximidade á veciñanza. Os concellos están a reclamar da Xunta un "esforzo" para poder cubrir estas necesidades, que se fan especialmente urxentes na atención domiciliaria. 

Dos múltiples servizos que os concellos prestan á cidadanía, aqueles que se realizan a domicilio e, moi en concreto, os de axuda no fogar, son os que requiren con maior "urxencia" do material de protección que o seu persoal precisa para reducir o risco de contaxio. 

Priorizalos foi unha das peticións que a federación galega de municipios, a Fegamp, trasladou á Xunta, dentro do protocolo para a distribución destes equipamentos que, malia os últimos envíos desde o Ministerio de Sanidade e o reparto d Administración galega, seguen a resultar insuficientes, á vista da demanda dos concellos.

Así o trasladaba o presidente da Fegamp, Alberto Varela, na xuntanza do Centro de Coordinación Operativa –o Cecop– esta pasada segunda feira, quen reclamaba dos Gobernos galego e central un "esforzo", dada a "precariedade" dos concellos e e a importancia das súas actividades: desde a atención á dependencia, emerxencias, albergues ou residencias nalgúns casos aos traballos de "leal colaboración" que, salientaba, están a desenvolver nesta crise sanitario, como a desinfección de ambulancias ou a provisión de puntos de descanso para transportistas en polígonos industriais. 

A Xunta anunciaba esta fin de semana o inminente reparto de 100.000 máscaras, 15.000 traxes de protección e 50.000 pares de luvas  entre os municipios, que a semana pasada comezaron a recibir material do Goberno galego, a través das distintas delegación dos postos de mando avanzado creados a esta fin e en colaboración coa Fegamp, que a diario lle remite un parte de necesidades dos distintos municipios, segundo vai recollendo nun formulario na súa páxina web.

De acordo con esta información, a semana pasada entregáronse máis de 20.000 máscaras, case 300.000 luvas e uns 100.000 traxes de protección.

Con todo, concellos como o de Monforte facían público nas últimas horas o seu malestar ante a "insuficiencia" dos recursos achegados, que neste caso se limitaron, segundo denunciou o seu alcalde, José Tomé, a 14 unidades de máscars elaboradas e dúas caixas de 100 das cirúrxicas, tres pares de luvas de limpeza e once caixas dos de un só uso, ademais, 12 unidades de gafas e 120 buzos de protección.

Criterios de reparto do material de protección do coronavirus

Os criterios que o Goberno galego alegou para explicar a distribución, e que tamén remitiu á Fegamp, aluden ao número de casos positivos en COVID-19 de cada concello, aos servizos sociais e de atención ás emerxencias que prestan e tamén á súa poboación; como indicou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, nunha comparecencia hai poucos días, o material remítese de forma prioritaria aos concellos máis pequenos, "pola súa menor capacidade de facerse con el". 

Desde a Fegamp, o seu presidente advirte da situación de "necesidade" das cidades, cuxos servizos requiren material de protección para desenvolver uns labores que, como subliña a entidade, "están moi en contacto coa cidadanía" e que no caso de servizos como a axuda a domicilio, atenden en moitos casos persoas especialmente vulnerábeis, que tamén o o son ao risco de contaxio do coronavirus. 

As Deputacións, dispostas a colaborar coa entrega dos equipamentos

Ademais das necesidades por cubrir, outro atranco dos concellos para obter o o material de protección está a ser a propia distribución. A Xunta anunciaba na fin de semana a implementación dun sistema para chegar a todos os concellos e "convidaba" ás Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra –as tres presididas polo PSOE– a participar na repartición, como xa fixera a de Ourense, da mesma cor política que o Goberno galego.

Todas elas manifestaron xa a súa disposición a colaborar para unha organización "máis eficaz" e, como integrantes da Fegamp, están en contacto co organismo de cara a poder achegar os equipos aos distintos puntos do territorio, se ben, como manifestaba desde Pontevedra a súa presidenta, Carmela Silva, trátase "unha competencia directa e exclusiva da Xunta".