As prórrogas pola COVID-19 deixan forá investigadoras nais

[Imaxe: Pixabay] Laboratorio de investigación
Denuncian a falta de garantías de igualdade.

A prórroga dos contratos predoutorais e posdoutorais para a investigación, ofrecida ao persoal pola Xunta e mais ás universidades logo da pandemia, discrimina a tres investigadoras que se acolleron aos permisos de maternidade durante o seu contrato nunha modalidade B.

"O pasado ano conseguimos, tras moitos esforzos, que a Xunta recoñecese o noso dereito a concorrer a futuras convocatorias posdoutorais, concretamente á modalidade B das mesmas, en igualdade de condicións que os nosos compañeiros e compañeiras da convocatoria de 2017, para o que firmou un convenio coas súas universidades con esta finalidade explícita", contan, un convenio en virtude do cal continúan en activo "e dentro do programa".

Porén, atopáronse con que a publicación das prórrogas da COVID-19 estabelece que se aplicarán só a eses compañeiros e compañeiras.

Desa maneira, atoparanse en distintas condicións cando concorran de novo a esa modalidade B, mais tamén respecto a súa antiga modalidade de contrato, a A, na que unha persoa que se acolleu a unha baixa de longa duración si poderá beneficiarse desa prórroga.

As investigadoras presentaron reclamacións de maneira persoal e a través da plataforma InvestiGal e mais da Valedora do Pobo. "Ofrécennos un mes de contrato mentres agardamos polas avaliacións que se realizan ao finalizar a modalidade A, que son negativas nunha porcentaxe moi elevada entre quen se acolle a permisos de maternidade respecto a que non, e que se ampliarán a dous meses máis sen dereito a docencia se as avaliacións son positivas", lamentan.

Para as investigadoras, a solución proposta polas universidades segue a ser discriminatoria. "As nosas investigacións víronse paralizadas igual que as do resto e temos dereito a igualdade de condicións co resto de persoas coas que concorreremos á Modalidade B", apuntan.

Os programas de investigación, denuncian, carecen de mecanismos que aseguren a equidade para aquelas mulleres que decidan ser nais. "O número de mulleres diminúe drasticamente  durante a etapa posdoutoral, a máis competitiva da carreira investigadora, e así non é posíbel competir en igualdade", aseguran.