Prórroga para a actividade investigadora

Asemblea de InvestiGal (Universidade de Vigo).
A rede galega pola investigación InvestiGal acolle positivamente a prórroga de contratos predoutorais e postoutorais en investigación anunciada pola Xunta, pero considera que a súa estensión é "insuficiente" e pide ampliala a todos os contratos. "Todo o persoal está afectado pola mesma situación extraordinaria que estamos a vivir", sinala.

A Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional, xunto coa de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), anunciaba no día de onte unha prórroga de seis meses aos contratos predoutorais e posdoutorais dependentes destes organismos e que están afectados polo estado de alarma.  

Nela quedarían  incluídos os contratos predoutorais dos anos 2016, 2017, 2018 e 2019, así como os posdoutorais dos anos 2017 (modalidade A), 2018 (modalidade A e B) e 2019 (modalidade A e B), o que corresponde cun total de 436 persoas investigadoras beneficiadas.

Segundo indican desde esta rede galega de investigación, estas medidas, que se suman e amplian as anunciadas polo ministerio o 31 de marzo para os programas estatais, son positivas, mais seguen deixando fóra das prórrogas figuras predoutorais e posdoutorais financiadas polo Ministerio (FPI, FPU, persoal contratado posdoutoral) con máis dun ano de contrato, así como persoal contratado por proxectos galegos e españois e persoal do ámbito propio das Universidades (persoal axudante e axudante doutor).

Así, InvestiGal fai un chamamento a todos os organismos contratantes (Ministerio, Xunta, Universidades, OPI, fundacións de investigación sanitaria...) a que, no exercicio das súas competencias, "incorporen a totalidade do seu persoal investigador de duración determinada a esta prórroga de seis meses, dado que todo o persoal está afectado pola mesma situación extraordinaria que estamos a vivir".

"Solicitamos que a prórroga dos contratos de investigación se estenda a todos os contratos de persoal investigador, co fin de evitar agravios comparativos entre o persoal investigador en función da entidade financiadora dos seus contratos ou das diferentes modalidades de vinculación laboral que posúan", indican desde a plataforma, que demanda da Xunta "compromiso para blindar as prazas e presupostos destinados á investigación na presente anualidade, sumándoos aos previstos para 2021".