Propostas desde o profesorado para un reinicio do curso seguro perante o “desleixo” da Xunta

Aulas nun centro (Nós Diario)

CIG, principal sindicato no ensino público, propón máis profesorado, menos ratios, distanciamento físico, alteración de espazos e medidas de protección e hixiene, entre outras medidas.

O curso arrancará en setembro. Esa é unha das poucas certezas que ten a comunidade educativa. Despois (como? con que medidas? Con que medios?...) son todo interrogantes. Os sindicatos e ampas lamentan que desde a Xunta non se dean respostas claras e que se afronte o inicio do novo curso como se estivésemos nunha situación de normalidade.

Neste escenario, desde a CIG-Ensino, maioritaria neste sector, apostouse por formular unha serie de medidas e ideas perante a falla de “protocolo nin proposta concreta” por parte das administracións.

O sindicato incide na intención das Xunta de “ comezar as clases en setembro como se non estiveramos nunha situación pandémica mundial” e de non realizar investimentos en reforzar o ensino público

Por este motivo, explica o sindicato nun comunicado, o Consello Federal da CIG-Ensino vén de aprobar un documento con propostas para unha negociación que parte de dous principios “irrenunciábei”: o reforzo do ensino público e a consideración da educación presencial como elemento referencial e central do sistema educativo. 

Esta planificación ten que levar aparellada para a CIG “un aumento considerábel de investimento material e humano se se quere apostar por un retorno ás aulas seguro e que pasa por aumentar o número de profesorado para facer posíbel unha baixada das ratios”.

A redución de ratios é “a única fórmula que pode garantir o distanciamento físico, que se amosou como a medida sanitaria máis eficaz, tal e como afirman especialistas en epidemioloxía, para evitar os contaxios do coronavirus”.

Para o sindicato teledocencia só pode ser entendida como un recurso excepcional. 

No texto proponse a necesidade de planificar para dous posíbeis escenarios. O primeiro sería o de “normalidade alterada” polas limitacións sanitarias (distanciamento físico, alteración de espazos, medidas de protección e hixiene especiais), para o que é necesario un aumento de dotación orzamentaria.

O segundo escenario sería o dun novo confinamento “para o que xa non habería escusas de non estar preparadas”.

As propostas recollidas no documento da central están organizadas en cinco grandes eixes: estrutural, laboral, educativo, sanitario e social. En cada unha delas fai propostas de actuación.