Unha proposta quer ampliar as Fraga de Catasós de 4,5 a 180 hectáreas para preservala

Catasós fraga carballo

A proposta de ampliación, feita por Adega, compendería as fragas e soutos de Casas Vellas, Antuín, Gate, As Pereiras, e Portocelo, xunto o rego de Quintela coma corredor ecolóxico entre todas elas.

Adega vén de presentar, no proceso de consultas do Plano de Conservación da Fraga de Catasós (Lalín), unha proposta de ampliación e zonificación ambiciosa para este Monumento Natural. Pasaría das 4,5 ha actuais a 180 e incorporaría diversas masas próximas, incluída a todalidade da fraga de Casas Vellas.

 

Trátase, indican desde a asociación, de dar coherencia e continuidade a este espazo protexido, integrando outras masas próximas que como a Fraga de Casas Vellas, está ameazada por un proxecto de liña de alta tensión.

 

A proposta de Adega inclúe unha zonificación do Monumento Natural e unha serie de directrices e recomendacións para definir o seu Plano de Conservación, xustificadas con criterios técnicos que reforzan a conveniencia de ampliar unha das principais xoias forestais do interior do país. Deste xeito, as Fragas de Catasós pasarían a ser o terceiro Monumento Natural en extensión (180 ha) do país.

 

A proposta de ampliación, que comprende as fragas e soutos de Casas Vellas, Antuín, Gate, As Pereiras, e Portocelo, xunto o rego de Quintela coma corredor ecolóxico entre todas elas, define un espazo que alberga unha ampla variedade de vida silvestre, con máis de 470 especies de plantas, 74 de fungos, 45 de invertebrados de interese, 4 de peixes, 11 de anfibios, 10 réptiles, 68 de aves ou 32 especies de mamíferos. Varias especies están incluídas como "vulnerables" no Catálogo de Especies Ameazadas, para as que se deseñan accións concretas de investigación e protección.