A proposta da Xunta para FP implicaría a supresión de 2.050 prazas presenciais

Mobilización no CIFP Ánxel Casal (A Coruña) a pasada sexta feira. (Foto: Nós Diario)
A CIG advirte dos recortes da Consellaría na Formación Profesional 

A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, reuniuse esta segunda feira co Consello Galego de Formación Profesional (FP) para explicar a proposta de Orde pola que se actualiza a oferta de ciclos, mestrados e programas formativos para o curso 2023/2024. O documento remitido a semana pasada á comunidade educativa supuxo o seu rexeitamento por parte de alumnado e profesorado.

Segundo Educación, a oferta contempla 42.174 prazas “nun catálogo amplo e variado para dar resposta ás necesidades de todas as familias profesionais”. Destas prazas, a Xunta asigna 34.704 á modalidade presencial, e “só 7.470, a distancia”. Haberá, ademais, 1.482 grupos cursando FP de maneira presencial e, segundo os datos achegados pola Dirección Xeral, “só 151 o farán a distancia”.

Porén, estes datos contrastan co estudo comparativo realizado pola CIG-Ensino. A central sindical calcula que as prazas en ciclos ordinarios descenden en 624, unha cifra que sobe a 1.199 na modalidade modular presencial.

Pola contra, incrementan en 2.327 as prazas asignadas á modalidade dual e en 3.050, á modalidade a distancia. De feito, a propia directora xeral estabeleceu esta segunda feira 19 de xuño a FP Dual, que combina formación nos centros de ensino con formación nos centros de traballo, como “prioritaria” para o Executivo galego. Segundo a análise que fai o sindicato da oferta da Consellaría, as prazas en formación dual aumentan 136% este ano. En concreto, serían 46 ciclos máis, pasando de 199 a 173.

Ademais, a proposta da Consellaría elimina perto de 2.000 prazas na oferta presencial con respecto do curso pasado, o que se traduce, segundo o estudo da CIG, en 2.050 prazas máis e en 68 ciclos a maiores impartidos na modalidade a distancia.

Pola súa parte, para CCOO-Ensino, a proposta da Consellaría favorecerá a privatización da FP. Ao non haber oferta presencial na pública, "o alumnado verase obrigado a matricularse en centros privados", sinalan.

Marcha polo ensino público

CIG-Ensino, Anpas Galegas e Erguer, integrantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público chaman a participar na 'Marcha polo ensino público' que  o 27 de xuño diante da Consellaría para exixir un Plan para a mellora da educación pública.