Exixen que a lei do aborto obrigue as mulleres a ver a ecografía antes de interromper o embarazo

Así o dispón a proposición que UPN presentou no Congreso para que sexa incluída na contrarreforma que prepara o ministerio de Xustiza para mudar a norma aprobada en 2010. A formación ultraconservadora vende a súa iniciativa coma "un dereito" das grávidas, malia estabelecela como condición para poder dedicir. 


Obrigar as mulleres a que ollen a ecografía antes de que se lles permita decidir sobre a interrupción voluntaria do seu embarazo. É a achega en forma de proposición de lei que levou ao Congreso d@s deputad@s o membro de UPN Carlos Salvador para que sexa incluída na contrarreforma que sobre o dereito ao aborto prepara o ministerio de Xustiza para mudar a norma aprobada en 2010. 

Sostén Salvador que "unha imaxe vale máis que mil palabras" e por iso pide que no sobre pechado que as grávidas --até 14 semanas-- reciben cando solicitan a interrupción do embarazo na sanidade pública, canda a listaxe de axudas á maternidade, se adxunte tamén unha copia da ecografía. 

O deputado de UPN acrecenta que a intención da súa proposta é "que se tome unha decisión con toda a información" e que entregar a imaxe do feto "non debe supoñer ningunha coacción para a muller, todo ao contrario, pois ten todo o dereito a ter toda información que poida servirlle no delicado proceso de toma de decisión" e fala de "protección á maternidade". Porén, o que UPN reclama non é o dereito das mulleres a veren unha ecografía, senón a obriga de que a vexan.

A formación ultraconservadora xustifica esta idea en "evitar equívocos interesados", insistindo en que o feto "é un ser humano" fronte a "xustificacións abracadabrantes sobre a natureza humana do non-nacido".

Polo tanto, o que quere UPN --marca na cal até 2008 se integraba o PP en Navarra-- é obrigar as mulleres a contemplaren a ecografía como condición para poderen decidir sobre os seus corpos; o contrario --non amosar esta imaxe se a grávida non o solicitar-- suporía "privar a muller dunha información relevante" e constituiría un acto de "censura propia de autoritarismos". A proposición de lei deberá ser votada no Congreso.