Propietarios de clubs de alterne no Porriño e en Ortigueira, a xuízo por contratación ilegal

[Imaxe: https://mpasho.co.ke]
As fiscalías piden 3 anos de prisión no caso do Porriño no que están afectadas 28 mulleres; e 2 anos no caso de Ortigueira por non dar de alta na Seguridade Social a seis prostitutas e o camareiro.
 

Nas audiencias provinciais de Pontevedra e da Coruña xulgaranse esta próxima cuarta feiras, día 25, dous casos que afectan a clubs de alterne situados no Porriño e en Ortigueira. En ámbolos dous, os propietarios chegan a xuízo acusados de delitos contra os dereitos das traballadoras. O caso do Porriño remóntase a 2014. A Fiscalía acusa ao propietario de contratación irregular de 27 mulleres que exercían a prostitución no club e outra que traballaba como bailarina. A Fiscalía argumenta que o propietario usaba as mulleres "para incitar aos clientes ao consumo de copas", que lles descontaba 5 euros por utilizar sabanas e preservativos e que as obrigaba a respectar os horarios de apertura e peche do local. Ningunha delas estaba dada de alta na Seguridade Social.

Tampouco estaban dadas de alta seis mulleres, tres delas de nacionalidade kenyana e dúas brasileiras, as cinco sen permiso de traballo no Estado, e un camareiro no caso de Ortigueira. A Fiscalía pide para o dono 2 anos de prisión e unha multa de 3.240 euros por un delito contra os dereitos dos traballadores.

Esta segunda feira, #23S, celébrase o Día Internacional contra a Trata e a Explotación Sexual de Mulleres e Nenas.