A prolongación do confinamento acrecentou a deterioración da saúde mental

A atención telemática centra os esforzos de Saúde Mental Feafes Galiza.
Saúde Mental Feafes Galiza asegura que a ampliación do estado de alarma afectou negativamente a boa parte das persoas con problemas de saúde mental que atende a través de distintas asociacións e servizos adaptados.

A prolongación no tempo do confinamento derivado da crise sanitaria provocada polo novo coronavirus aumentou os problemas de convivencia e a presión sobre as familias con persoas con problemas de saúde mental ao seu cargo.

Son as principais conclusións de Saúde Mental Feafes Galiza, a Federación de Asocaicións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental da Galiza, que neste tempo fixo un esforzo por adaptar os seus servizos e recursos para “tratar garantir unha atención axeitada, de calidade e moi necesaria para as persoas con problemas de saúde mental”.

"Coa prolongación do confinamento vemos a necesidade de traballar máis coas familias".

Así o confirma Xosé Ramón Girón, o seu presidente, a Nós Diario. “As primeiras semana de confinamento asumimos os problemas de organización. Establecemos pautas, niveis de supervisión e detectamos aqueles caos que podían ser máis conflitivos. Agora, as dificultades están mudando. Empeza a aparecer certo cansazo, e polo tanto, ademais de seguir atendendo as persoas usuarias, vemos a necesidade de traballar máis coas familias”.

Efectos económicos e desescalada

Estes signos de esgotamento son resultado da convivencia e da ampliación do tempo de confinamento, durante o cal a atención presencial foi reducida ao mínimo e só permanecen abertos os pisos protexidos e os centros residenciais.

“Ao mesmo tempo, estanse empezando a ver os efectos económicos derivados da situación de desemprego”, sinala Girón, quen fai fincapé na vulnerabilidade económica do colectivo de persaos con problemas mentais.

"Estamos estudando como preparar a desescalada. Temos que repensar o traballo e a forma de facer as cousas”.

Neste sentido, a Feafes ampliou as súas estratexias de traballo co fin de darlles resposta ás novas necesidades das familias e das usuarias. “Mais tamén estamos estudando como preparar a desescalada no momento en que se vai concretando. A federación xestiona residencias, pisos e centros de rehabilitación, fundamentalmente, e temos que estar preparados, xa que nestas instalación pode chegar a coincidir moita xente. Temos que repensar o traballo e a forma de facer as cousas”, asegura o presidente de Feafes.

Malia as dificultades, Xosé Ramón Girón defende que o esforzo de supervisión que están levando a acabo durante o confinamento é “moi alto” e contribúe de forma significativa ao benestar das persoas con problemas de saúde mental.

Calidade asistencial

En total, entre o 1 e o 15 de abril, as asociacións federadas en Saúde Mental Feafes Galiza atendeu máis de 2.000 persoas a través de profesionais da psicoloxía, da educación social e do traballo social.

A atención telefónica supliu outras formas de contacto e asistencia nos casos máis leves. Con todo, tamén xestionaron situacións máis complexas como agravamentos da patoloxía, dificultades de acceso á medicación ou a atención de ingresos psiquiátricos. Así, nos casos que o require, a atención é presencial nos domicilios das usuarias.

Acompañamentos, saídas terapéuticas, xestións, compras, subministración de medicinas e alimentos, traballos de medicación. As necesidades asistencias son máis numerosas e variadas a medida que se alonga o confinamento, destacan desde Feafes.

O rural, desleixado

“E no rural observamos inconvenientes agravados como o limitado acceso á Internet, a distancia dos servizos médicos especializados, as malas comunicacións, a limitación de transporte público para realizar actividades básicas permitidas como a compra, ou o illamento social, máis acusado nesta situación”.

Isto, conclúen, fai que os profesionais das asociacións de saúde mental teñan que redobrar os seus esforzos para superar todos estas barreiras durante as súas intervencións.