Que pune a Lei Mordaza?

Frear un despexo, ocupar unha oficina bancaria, despregar unha faixa dunha infraestrutura pública ou gravar actuacións policiais sen autorización son algunhas das accións que pune a Lei de Seguridade cidadá. 

 

Esta segunda feira o Boletín Oficial do Estado publica a Lei de Seguridade cidadá, máis coñecida como Lei Mordaza após a súa aprobación definitiva no Congreso español a pasada quinta feira.

O texto normativo recolle as "actuacións" que @s axentes das Forzas de Seguridade do Estado (FSE) poderán desenvolver para o "mantemento e restabelecemento" da "seguridade cidadá" e estabelece un réxime sancionador que puna (económica e xudicialmente) actos ou accións que supoñan unha alteración da orde pública. 

As sancións oscilan dos 100 aos 600 mil euros

As sancións oscilan entre os 100 e os 600 mil euros dependendo do grao de infracción (leve - grave - moi grave). Porén, para pasar do primeiro ao último basta con "reincidir" ou levar unha carapucha que "impida" ou "dificulte" a identificación ás FSE. 

Botando a ollada atrás, repasamos algúns acontecementos decorridos na Galiza durante os últimos anos, marcados pola conflitividade social. Algúns deles, serán punidos a partir do vindeiro 1 de xullo. 

  • Reunirse ou manifestarse sen a previa comunicación ao órgao correspondente (Delegación territorial do Goberno español), será considerado como unha "infracción moi grave" de se facer en "infraestruturas ou instalacións nas que se prestan servizos básicos para a comunidade" ou nas súas inmediacións, da mesma maneira que a "intrusión" nos seus recintos. Trátase de accións desenvolvidas habitualmente por organizacións internacionais como Greenpeace. Co gallo do décimo aniversario da catástrofe do Prestige a organización ecoloxista despregou unha faixa de sesenta metros cadrados do edificio de ExpoCoruña, onde decorría o xuízo

         

  • Impedir un despexo será considerado unha infracción grave. A nova lei pune con sancións entre os 600 e os 30 mil euros "actos de obstrución que pretendan impedir a calquera autoridade ou empregado público" o exercicio das súas funcións e o cumprimento de "acordous ou resolucións xudiciais". En 2013 e 2014 Galiza viviu un repunte do número de execucións hipotecarias froito do empobrecemento popular e a incapacidade de moitas persoas para facer fronte ao pagamento do aluguer ou a hipoteca. Desafiuzamentos como o de Aurelia Rey, Elisabeth Sanlés ou Álvaro e Isabel (Ofimático) contaron cunha forte resposta social que mesmo conseguiu retrasar o despexo. No caso de Aurélia Rey @s activistas de Stop-Despexos e mesmo representantes da corporación municipal como o concelleiro do BNG, Xosé Manuel Carril, foron magoados por axentes da policía española. A súa oposición e resistencia perante unha morada obxecto de desafiuzamento constituirá, a partir do vindeiro 1 de xullo, unha infracción grave. 

  • A "falta de respecto" e "consideración" ás Forzas de Seguridade do Estado (FSE) son catalogadas como "infraccións leves" mais obxecto de seren punidas economicamente cando estas se produzan "no exercicio das súas funcións". Tamén o será, a ocupación de calquera inmóbel en contra da vontade do seu propietario --como unha oficina ou entidade bancaria. Porén, será considerada unha infracción grave "o uso non autorizado de imaxes e dados persoais ou profesionais de autoridades e membros das FSE". Embora o goberno asegurar que este feito garante o "dereito fundamental á información" desde os Colexios de Xornalistas denuncian a vulneración do mesmo ao limitar a capacidade informativa da imprensa e medios audiovisuais. 


    Durante a manifestación convocada polos mariñeiros do cerco perante o Parlamento de Galiza, mobilización que sería considerada baixo a Lei Mordaza como infracción moi grave por non se ter comunicado e decorrer perante unha Cámara lexislativa, as imaxes das cargas policiais rexistraron o comportamento abusivo d@s axentes, entre outras, contra unha deputada do BNG, Montse Prado, e diversos mariñeiros.