Denuncia do deputado Antón Sánchez

O Programa de Vivendas Baleiras da Xunta só concedeu dúas axudas en 2018

Vivendas en alugueiro. Foto: Laura R. Cuba.
O Programa de Vivendas Baleiras da Xunta de Galiza naceu hai tres anos. O obxectivo confeso do mesmo era “destinar vivendas baleiras de propiedade pública ou privada ao alugueiro social para familias desfavorecidas”. Pois ben, o pasado ano só concedeu dúas axudas, denuncia o deputado de Anova Antón Sánchez, por 6.986 euros, o 5,37% do orzamentado.

“Isto é o que o PP vendeu como programa estrela para a mobilización de vivenda baleira”, critica Sánchez, “e despois de tres anos apenas se incorporaron ao mesmo 20 inmobles e non se adxudicaron nin a metade”. A situación contrasta coa demanda de vivenda en alugueiro social, cuxo rexistro atinxe en Galiza “case 10.000 persoas”.

O deputado realizou a súa denuncia perante o edificio A Patiña, en Cambre. “Onde antes había xente que vivía cuns prezos de alugueiro social, con límites aos prezos, construídas en parte con diñeiro público, agora permítese que os fondos voitres merquen as vivendas para facer negocio”, expuxo. E mentres o Programa de Vivendas Baleiras que xestiona o Instituto Galego de Vivenda e Solo ofrece datos “demoledores”.

Porque ademais das dúas axudas de 2018, a iniciativa gobernamental xa reducira a partida orzamentaria á metade respecto a 2017, cando dera catro axudas e tivera unha porcentaxe de execución do 3,32%.

“É un fracaso absoluto que esixe a asunción de responsabilidades políticas e un xiro total nas políticas de vivenda en Galiza”, entende Antón Sánchez, “estase a dar unha suba espectacular do prezo de alugueiro en zonas urbanas e non acontece o mesmo cos ingresos e a estabilidade laboral, o que se traduce en novos desafiuzamentos ou na imposibilidade estrutural de emancipación da nosa mocidade”.

Sánchez, deputado no grupo parlamentario de En Marea e portavoz nacional de Anova, avoga “por un parque público de vivenda de alugueiro social que incorpore vivenda baleira e construción de novas vivendas”.

 

Nota: Antón Sánchez durante a comparecencia de prensa desta segunda feira 26 de agosto en Cambre. Foto: Anova.